Hai que abrir xa as universidades

EUROPA PRESS

Que universidades van saír desta crise? Que fan pechadas as universidades nesta fase da desescalada? Como pode entenderse o peche da ciencia se abren as autoescolas? En que vai gastar o Goberno da Xunta os fondos para recuperar a normalidade? Non creo que a Consellería de Educación, ocupada por unha pedagoga recoñecida, poida conformarse coa apertura dos cafés. Que recomendan os expertos? Que di o responsable do comité técnico? Logo de dez semanas aínda non coñecemos o noso Fernando Simón. Comeza a Liga e seguen pechados laboratorios e gabinetes universitarios. Os patriotas da pota que non usan, petada co garfelo de servir, incumpren o confinamento moito antes de que abran bibliotecas e centros de investigación. Alegoría de Frascuelo, pandeireta e rocío. Sen aulas presenciais, xa poden abrir as universidades para o traballo ordinario de docencia e investigación, moito máis seguras que as praias.

O coñecemento e a investigación son a base das sociedades actuais, con covid e sen ela. Todo o saber adquirido e producible será pouco para afrontar os cambios a que vai dar lugar esta crise, polas súas reaccións políticas e sociais e as consecuencias tecnolóxicas. Como poden estar pechadas as universidades e abertas as explanadas dos restaurantes e podemos ir a ximnasios, vodas de menos dun cento de persoas e misas? Quen se pregunte polos efectos do andazo, que reflexione sobre esta inversión de valores.

Como tantos sectores capaces de teletraballar, os ensinantes de todos os niveis e o estudantado artellamos o ensino en rede en poucos dias. Seguimos coas universidades funcionando, tirando partido dos campus virtuais traballamos en liña cos nosos portátiles, as nosas wifis e nas nosas casas. Adaptámonos a fume de carozo superando ás tensións derivadas da incerteza. Os instrumentos virtuais puxéronse a proba nesta excepción como un bo complemento, pero nada substitúe a presenza da convivencia e o trato humano. Non hai sociedade sen presencialidade. Alguén imaxina continuar con roldas de prensa virtuais para aforrar desprazamentos e dietas?

Que lle agarda ás universidades? Acábase de coñecer un suposto plan de futuro para as universidades galegas -mal plaxio dun documento da UOC- atinadamente adxectivado polos sindicatos de rancio, ruín e irracional, que propón a preferencia da non presencialidade. Si, xa, o exemplo é Cambridge, nominalmente. Anúnciase tamén manter conxeladas as taxas de grao e baixar as de máster. De financiamento non se fala. En que van investir pois os recursos da desescalada? O balanzo de dez anos conxelando taxas universitarias e reducindo recursos ás tres universidades é a fuxida de estudantes a carísimos másteres de universidades como a Udima (Universidade a Distancia Madrileña), unha creación pública a prezos privados. Hai moito por facer na educación en liña como complemento das universidades presenciais en Galicia: hai décadas propúxose unha universidade aberta galega que nunca se abordou mentres medraron a catalá, a madrileña e se potenciou a Uned con recursos nosos. Non hai sanidade nin universidade pública sen recursos. Hora de saber por que aposta cada partido. Tempo de eleccións.

Newsletter Educación

Recibe todas las semanas la información más relevante sobre educación

Votación
29 votos
Comentarios

Hai que abrir xa as universidades