Falsas dicotomías

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

MABEL RODRIGUEZ

24 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Ou estás con nós, ou estás cos terroristas».Tal dixo George W. Bush tras o atentado das Torres Xemelgas, creando un dos máis claros exemplos do uso cínico dunha falsa dicotomía. De feito ninguén aliñaría a Fidel Castro entre os partidarios do presidente norteamericano, a pesar de ser o primeiro e condenar o atentado. Pero en política, que lle imos facer, abondan as falsas dicotomías: «Ou apoias este agravamento das penas no Código Penal, ou defendes aos criminais»; «se non nos apoias é porque queres destruír a sanidade pública». Falsos dilemas que exclúen do debate outras formas alternativas de perseguir os delitos ou de defender a sanidade pública, por moito que esas alternativas sexan mais eficientes para acadar un obxectivo que é compartido.

Ben sexa porque constitúen unha extensión natural da linguaxe bélica utilizada estes días (ao Churchill, ou ao Bush), ou simplemente pola incapacidade de atopar argumentos racionais, as falsas dicotomías teñen proliferado durante a pandemia. Por exemplo, contrapoñendo a saúde pública e a economía; falsa dicotomía que o propio presidente Sánchez sei que adoitaba desmontar, aínda que fora inconscientemente, nas primeiras conferencias de presidentes ao lembrar que durante a mal chamada «gripe española» morrera máis xente de fame que polo virus. Ou introducindo a falsa disxuntiva entre o público e o privado, cando unha simple ollada ás actividades declaradas esenciais polo propio Goberno social-podemita durante a etapa de reclusión máis estrita demostra que a sociedade se sostivo grazas á actividade conxunta do sector público (a sanidade), do privado (alimentación e transporte) e de sectores altamente regulamentados (as telecomunicacións). Ou, sen esgotar o listado, cando se contrapón a prórroga do estado de alarma á morte e ao caos; cando moitos países controlaron a pandemia sen recorrer á lexislación de excepción e con menos mortos e menos caos.

A última e cínica falsa dicotomía que se trata de presentar resulta aínda máis rechamante, ao contrapor saúde pública e democracia. Non fai falla lembrar os estudos de Amartya Sen, nos que demostra que a democracia como sistema é moito máis eficiente na loita contra as pandemias e as fames negras. Nin recorrer ao recente estudo duns profesores da Universidade de Oxford (este si publicado e accesible: C.B. Frey et al, Democracy, Culture, and Contagion), no que se confirma a hipótese de que as autocracias, teocracias ou democracias autoritarias (tipo Venezuela) foron moito menos eficaces que as democracias (incluídas a italiana, a española ou a británica) na contención do virus: aínda que as restricións á mobilidade foron más intensas nas autocracias a xente non se confinou e favoreceu os contaxios en maior medida. Porque a democracia, aínda que só nos fixemos no seu valor instrumental (as eleccións), impulsa a atención política á cidadanía, as súas demandas e as súas necesidades.

O que se nos ven encima é certamente impresionante. Haberá que superar a propia pandemia, e aínda queda moita por aturar (os expertos falan de ano e medio como mínimo). Haberá que reconstruír a economía, nunha contorna internacional incerta. E haberá que manter a cohesión económica e social. Nada mellor para facelo que elixir democraticamente a quen deberá liderar unha tarefa extraordinaria. Suspender a democracia, mesmo na súa fase instrumental ou electoral, faríanos máis débiles, non máis fortes. E se podemos ir á praia, ou ás discotecas, coma aos supermercados e as tendas, tamén poderemos ir a votar. E demostrar que se hai unha falsa dicotomía que compre rexeitar votando é, precisamente, a que contrapón saúde pública e democracia.