Ao que hai que estar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

23 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos ao que estamos? Ou aproveitamos para tirar proveito egoísta da situación? Ao meu ver, agora o primordial é frear a covid-19, evitar contaxios, coidar dos doentes e mellorar a situación da saúde da nosa sociedade. Logo, o sustento das persoas, que hai moitas, pero moitas!, que o están pasando moi mal. Entendo, por iso, que é bo ir abrindo posibilidades e reiniciando toda a actividade posible, seguindo rigorosamente as medidas de seguridade e protección.

Ben, daquela, cren realmente que é o momento de tratar unha reforma laboral? Xusto cando o laboral está baixo mínimos? Miren... eu o que quero é que todo volva á normalidade, para poder cobrar e gastar. Porque se non teño ingresos, non podo facer gastos. Unha cousa é que pretenda manter o sorriso, e outra que se rían de nós. O que temos é que tomar medidas novas, pero para esta situación en concreto. Porque estamos máis parados ca nunca. Levantar isto non é rematar co estado de alarma. Vai ser cousa de moitos meses, iso xa o sabemos. Daquela, o tema da reforma laboral non debera ser o máis inmediato. E menos aínda que este tema tan serio sexa a moeda de cambio para a prórroga dun estado de alarma. Non mesturen touciño con velocidade. Non é serio. E as consecuencias desta pandemia non son para tomar á lixeira.

Xa dan pouca confianza todas as estratexias políticas, pero ver como as propias ministras do Goberno actúan de maneira oposta... é tremendo.

Hai que estar ao que hai que estar. E, ademais, ten que parecelo.