No Día Grande das Letras


Dende hai algúns anos cadran na mesma data o Día das Letras Galegas (dende 1963) e o Día Mundial das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, que en 1969 era unicamente o Día Mundial das Telecomunicacións e en 2006 incorporou a Sociedade da Información. Un novo tempo que acada significación especial nestes días de forzado enclaustramento e pandemia. Hai poucas semanas falei nunha destas mareas do bálsamo da tecnoloxía, o alivio que supón para tanta xente a posibilidade de utilizar os recursos que os avances da comunicación permiten: plataformas web, redes sociais, correo electrónico, videoconferencias, depósitos de información dixital, etcétera… O Seminario de Lexicografía da RAG vén de aprobar nunha das súas últimas xuntanzas a voz «webinario» (substantivo masculino), que definimos como «presentación interactiva que se transmite a través da web e que pode seguirse en directo ou diferido». Tamén podemos dicir «seminario web».

A realidade móvese, e a lingua debe ser quen de dar resposta a esas mudanzas, que son demandas, aínda sabendo que ás veces poden parecer demasiado efémeras. Pero están aí. Unha cultura é fundamentalmente un espazo de relacións protagonizado por persoas que interactúan, que moven intereses, que xestionan interferencias e constrúen, entre todos, un universo compartido, un edificio común en constante proceso de remodelación e actualización. As sociedades son espazos de comunicación, mesmo por riba de fronteiras físicas e administrativas, outra característica do noso tempo. Onde está Galicia e a cultura galega? Pois na realidade dos galegos conscientes desta condición, por máis que residan en México, Caracas, Buenos Aires, Londres, Madrid, Berna, Ourense ou Redondela.

Celebramos o Día das Letras Galegas, dedicado nesta edición a Ricardo Carvalho Calero, e énchese o universo de voces. Algúns dirán: un universo virtual. Certo. Aceptémolo así. Mais o que chamamos universo virtual tamén existe, ten significación e consecuencias, actúa socialmente, mesmo inflúe sobre as nosas condutas, sobre as nosas consciencias, a nosa maneira de pensar e o noso comportamento. Que llelo pregunten se non aos estrategos das campañas electorais, aos técnicos da comunicación e aos publicistas. Nas últimas semanas as páxinas web da RAG e as distintas plataformas que promovemos dende a institución (Portal das Palabras, Primavera das Letras, fondo bibliográfico, arquivo, biblioteca) case triplicaron a demanda de información. Non digo nada doutras moitas iniciativas que bolen no ciberespacio. Unha proba de vitalidade, mais tamén o signo dos tempos, aos que debemos adaptarnos e nos que debemos situarnos para ser nós mesmos, para existir no gran universo da globalización, cheo de contradicións e dificultades, quixera pensar tamén que de oportunidades.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

No Día Grande das Letras