As tres leccións do confinamento

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

Loren Elliott | Reuters

11 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tres leccións desta etapa de confinamento: a imperiosa necesidade de xeneralizar o uso das novas tecnoloxías, a excesiva rixidez dos currículos e a boa oportunidade para potenciar as relacións entre familia e escola. Canto á primeira, non podemos estar de xeito permanente nun proceso de experimentación das TIC, que comezaron a implantarse a finais do século XX. Hai un 25 % de centros incorporados aos proxectos Abalar ou Edixgal, porcentaxe que sobe algo con outros que teñen un importante nivel de implantación pola súa conta e tamén con moitos privados concertados que contan coas súas propias plataformas. En calquera caso, unha maioría de centros carecen aínda dos recursos e da cualificación necesarios para non quedarse atrasados neste imparable proceso.

A necesidade de levar a cabo un ensino telemático está a conseguir que moitos profesores que non teñen a competencia precisa fagan agora un esforzo por conseguila e sobre todo se dean conta de que, se as TIC se utilizan con tino, son un medio moi útil no labor docente. É boa oportunidade, xa que logo, para levar a cabo un proceso de formación do profesorado, a distancia ou presencial cando sexa posible, como se fixo no seu momento coa capacitación necesaria para impartir lingua e literatura galegas. O que está claro é que se continuamos a depender da voluntariedade, tanto para a incorporación a programas innovadores como formativos, estaremos de xeito indefinido implantando as novas tecnoloxía no ensino.

Nesta situación especial púxose tamén en evidencia a excesiva rixidez e amplitude dos currículos oficiais. Preténdese abarcar moito e a consecuencia inevitable é apertar pouco; é dicir, mala comprensión e falta de consolidación da formación básica. Non hai tempo para centrarse con insistencia no esencial, repasalo con frecuencia e integralo nas aprendizaxes previas. Ese acougo tan importante é incompatible coas programacións didácticas que hai que cumprir e tamén cuns horarios pouco flexibles. A permanencia na casa sen avanzar nas materias está a demostrar a gran transcendencia deses repasos e de poder ler, escribir ou simplemente debuxar con tranquilidade.

E en terceiro lugar, que boa ocasión así mesmo para reforzar as relacións entre familia e escola, tan próximas nestes momentos! Estar cos fillos todo o tempo ben seguro que ha servir para que moitos pais se decaten do difícil labor que levan a cabo os mestres e da importancia de coordinarse con eles tanto no aspecto instrutivo como, sobre todo, no formativo. Que o estreito contacto cos titores e cos centros continúe despois do confinamento!