A pandemia das «fake»

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

08 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante esta pandemia medrou non só o covid-19 senón tamén esoutro virus que algúns levamos moito tempo denunciando e que nos gusta chamar posverdade, aínda que, para entendérmonos, imos chamar aquí bulos, fakes, trolas, mentiras, toda esa clase de información que se quere facer pasar por verdadeira e que, de feito, a forza de tanto como se repite, unha boa parte da sociedade toma como verdadeira. Os que vivimos, coma min, intensamente nas redes sociais, e que temos un certo adestramento na arte de detectar as fake, podemos afirmar que durante este período medraron ata o infinito e un pouco máis.

A pregunta que se me ocorre, deformación de filósofo, sería: e por que proliferan tanto as fakes entre nós?, por que as noticias falsas atopan tanta credibilidade entre os españois? Porque o certo é que hai estudos moi serios que constatan iso, que noutras latitudes, tan usuarias coma nós das redes sociais, a cantidade de trolas aparentemente verdadeiras que se moven para facer dano ao gobernos, institucións ou particulares danse moito menos. Somos máis propensos por aquí a deixarnos enganar? A cousa é así e non é algo que eu me invente. O Reuters Institute Digital News Report do ano 2018 enumeraba os países máis expostos ás noticias falsas, e España é o sexto país do mundo. Só nos gañan, nese triste pódium, por orde, Turquía, México, Brasil, Estados Unidos e Xapón. Ou dito doutra maneira: España é o país de Europa onde máis circula a información falsa (contradictio in terminis), a mentira malintencionada, os datos inventados, os titulares de laboratorio para confundir, intoxicar, enganar, e en definitiva, isto é o importante, para manipular. O que? Pensamentos, ideas do mundo, e, sobre todo, votos. Algún partido político de ultradereita ten incluso un manual ao respecto. Así, sen disimular nin nada.

O único que se pode facer, pois, diante desta tristísima realidade que nos converte en líderes europeos do engano, é máis e máis educación, formación, cultura, espírito crítico. Menos programas parvos na tele e máis documentais. Sancións máis duras contra os que promoven este tipo de actitudes. E libros, lectura, palabras ben argumentadas. E máis nivel político. E menos cuñados con pensamento de cuñados nas listas de saída dos partidos políticos en eleccións. A non ser, claro, que o que se pretenda sexa xusto iso, que todos esteamos enganados, confusos, despistados e así, polo tanto, máis propensos á obediencia.