Claves dun futuro imperfecto

Xosé H. Vázquez CATEDRÁTICO DE ORGANIZACIÓN DE EMPRESAS.- ECOBAS UVIGO

OPINIÓN

03 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Agárdannos tempos difíciles, pero a intensidade e duración dos obstáculos dependen de como abordemos unha forte recesión no medio dunha pandemia persistente que infectará a boa parte da poboación. Hai, cando menos, catro aspectos a valorar:

Un: mercado e protección social son máis complementarios ca nunca. Non é ideoloxía. Só a inxenuidade nos levaría a ignorar os incentivos dos cidadáns a agochar a enfermidade cando as facturas se acumulan e os ingresos escasean. Os tests e as corentenas non serán útiles se enviamos á casa sen compensación ás persoas infectadas. Alén disto, a protección transcende o diñeiro: son necesarios protocolos empresariais que xeren espazos de confianza con certificacións «libres de covid». Necesítano os traballadores, pero tamén os provedores e clientes se esperamos que a actividade se recupere sen sobresaltos.

Dous: sen saúde non hai economía, pero é moi difícil saír rápido do pozo no que estamos sen as tecnoloxías que abordan a trazabilidade dos contaxios, e das que tanto se desconfía. Alén das críticas semiluditas nun contexto no que damos permisos indiscriminados nos nosos teléfonos, impresiona a desconfianza nunha democracia parlamentaria que dispón de mecanismos de control para garantir unha utilización temporal e sensata dos datos. Se nuns meses sufrimos unha segunda recaída que agudice a crise económica, a ira resultante minará a credibilidade das institucións e favorecerá o populismo. Entón as tecnoloxías si serán unha ameaza.

Tres: na volta ao traballo precisamos certa gradación sectorial, asimetría rexional e, sobre todo, escenarios nítidos. Que un club de fútbol acolla 30.000 persoas nun estadio parece máis alarmante que encher 1.000 salóns de peiteado con 30 persoas cada unha. Máis aínda se isto ten lugar en cidades especialmente atacadas polo virus. Porén, o esencial para as empresas é reducir a incerteza dos ingresos e a certeza dos gastos. Necesitamos horizontes temporais para planificar, ou doutro xeito a liquidez do BCE converterase nun brinde ao sol.

Catro: a presión da pandemia require visión periférica, porque cando enfraqueza aínda haberá que abordar a dinámica da revolución tecnolóxica e do cambio climático. A traxedia pode ser así unha oportunidade, porque cando por fin aceptamos que os riscos son reais é máis doado cambiar. Urxe entón impulsar cambios regulamentarios que leven o goberno corporativo cara á consideración de intereses diversos que aliñen a creación de valor cun modelo de negocio sostible e inclusivo.