Ante o ensino remoto non todos somos iguais

Adriana Gewerc, Esther Martínez-Piñeiro TRIBUNA

OPINIÓN

Eduardo Parra - Europa Press

02 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nenos e nenas galegos de 12 anos obtiveron unha nota media de 6 sobre 10 nunha proba de avaliación da competencia dixital. O 22 % obtiveron menos dun 5, é dicir, case un cuarto do alumnado suspendeu a proba, porcentaxe que chega ao 40 % entre os estudantes que non teñen ordenador nin tableta na casa. A nota é máis alta nos casos nos que a nai posúe estudos universitarios, o que pon sobre a mesa as diferenzas na conciliación, na división do traballo na casa e na educación dos fillos, máis dependente da nai. Esta fotografía parcial da realidade dos nenos galegos foi realizada pola investigación Competencia Digital en estudiantes de educación obligatoria. Entornos socio-familiares, procesos de apropiación y propuestas de e-inclusión (CDEPI) [1], que no curso 2018-19 avaliou a competencia dixital do alumnado de sexto curso de educación primaria e os seus hábitos coas TIC. Participaron estudantes de centros públicos das catro provincias e residentes en concellos de distinta densidade de poboación. A investigación revela o perfil do alumnado ao remate do ensino primario: os seus hábitos, o seu nivel de competencia dixital e algunhas circunstancias nas que poñen en práctica a devandita competencia.

Os datos demostran que estamos lonxe da imaxe do nativo dixital, tan empregada na actualidade cando se pretende xeneralizar un sistema de ensino en remoto. Outra das conclusións do estudo mostra que o 8 % do alumnado de sexto curso carece de ordenador, o que supón máis de 1.200 estudantes. Esta porcentaxe medra se residen en concellos de densidade de poboación media ou baixa, é dicir, de zonas rurais. Se temos en conta o testemuño deste grupo de preadolescentes antes da crise sobre a súa actividade en liña no ámbito escolar, desvélanse os seguintes datos: o 83 % nunca se comunicaban co seu profesorado por correo electrónico ou plataforma escolar, un 42 % nunca entregaron tarefas a través da plataforma ou blog do centro e un 30 % nunca fixeron exercicios de avaliación ou repaso empregando medios dixitais.

Á luz destes datos, entón, como se pretende xeneralizar unha práctica de ensino remoto cando non todos os estudantes contan cos medios nin coas habilidades e destrezas para afrontalo? Como se pode obviar, ademais, a situación de desvantaxe de núcleos familiares sometidos ás condicións de baixa conectividade nas áreas rurais ou a situacións económicas ou familiares adversas?

Esta investigación realizouse tendo en conta o alumnado de centros públicos de último ano de ensino primario, pero non por iso deixa de ser unha realidade, que a Administración parece esquecer. Calquera proposta que se faga hoxe ten que partir dun diagnóstico real do momento no que vivimos; do contrario, as medidas caerán no baleiro. A fenda que se debuxa non se salva en dous meses, nin repartindo mil ordenadores (en Galicia, segundo datos da propia Consellería de Educación hai máis de 160.000 estudantes cursando ensino obrigatorio en centros públicos), xa que nin todo o alumnado está preparado nin se teñen xerado os contidos co tempo preciso para o seu óptimo aproveitamento por parte dos estudantes, nin todas as familias dispoñen dos medios para acompañar os fillos nesta proposta de ensino.

A pandemia do covid-19 logrou frear en seco as rutinas de gran parte do mundo e poñer de manifesto as deficiencias estruturais que xa existían en todos os ámbitos, incluído o educativo. Non é o momento de vender normalidade cando nada é «normal» nestes días, senón de deterse e aprender para deseñar con seriedade e serenidade unha política educativa de inmersión tecnolóxica e de formación do profesorado e do alumnado que permita estar preparados nun futuro. Talvez este sexa o momento para imaxinar, entre todas, outro modelo de escola.