Españolito que vienes al mundo

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

25 abr 2020 . Actualizado a las 10:17 h.

Teño en Madrid unha amiga e na Coruña un amigo, moi de dereitas os dous, que cada día me envían de tres a seis vídeos poñendo ás esquerdas como chupa de dómine. As máis das veces nin os abro e reenvíollelos cruzados: os del a ela, os dela a el; e así quedamos contentos os tres. Pero hai un mes empezaron a chegarme os dun curmán meu, de Ferrol, na mesma liña ideolóxica e, aínda que durante un tempo apliquei a táctica do ménage à trois ao ménage à quatre, e ía ben, a semana pasada decidín deixar o xogo e recoñecer a miña derrota porque conseguiron romperme o equilibrio e o sosego.

Como se non houbese razóns obxectivas abondo para criticar a xestión do Goberno, sometéronme a un bombardeo de noticias falsas relacionadas co coronavirus, que ían das dúas ambulancias que Irene Montero tivo á porta da casa mentres estivo infectada de coronavirus; á denuncia de que o Goberno mercou tests a unha empresa fantasma chinesa para non facelo á española Genomica, porque a directora é irmá de María Dolores de Cospedal.

Todo falso. Na casa de Pablo Iglesias e Irene Montero non fixo garda ningunha ambulancia, e a empresa Genomica confirmou que non sufriu veto do Goberno e toda a produción queda en España. Pero iso non importa porque cadaquén cre o que quere crer e o meu curmán afirma que tivo aquel famoso número da revista La Codorniz que na portada mostraba o tren entrando nun túnel, na contraportada o tren saíndo do túnel, e as follas do interior en negro. Ese número nunca se publicou, non existiu; pero el cre que o tivo.

Non me renderon os bulos da dereita radical, nin sequera os recibidos nos últimos días, absolutamente noxentos, nos que se manipula a dor das familias vítimas do virus. A foto dunha sala chea de ataúdes «que Sánchez e Iglesias no quieren que veas porque son responsables de ello» foi tomada en Lampedusa, Italia, en 2013. O vídeo dos cadáveres metidos en bolsas de plástico e amoreados no chan, con xente que pasa entre eles, non se fixo no Palacio del Hielo de Madrid, como se di na presentación, senón nun hospital de Guayaquil, Ecuador. Rendeume o odio que hai en argalladas tan perversas e na linguaxe que as presenta: «Este gobierno de indeseables, mentiroso y criminal, con 18.000 muertos», «El genocidio que se está practicando con nuestros mayores».

Un amigo preguntoume como actuaría a esquerda se gobernase o PP, e respondinlle que, probablemente, unha parte, a máis sectaria, faríao igual que esta parte obscena da dereita. En España temos un conflito de convivencia porque as catro décadas de democracia non pecharon as feridas da Guerra Civil; pero vén de atrás. Os versos «Españolito que vienes/ al mundo te guarde Dios/ una de las dos Españas/ ha de helarte el corazón», publicounos Antonio Machado en 1912. Moito antes, en 1876, cando, apenas rematada a última guerra carlista, se redactaba o borrador da Constitución e había que especificar quen eran españois, o presidente Cánovas del Castillo, conservador, dixo: «Escriban: son españoles los que no pueden ser otra cosa».

Díxoo en broma; pero pensalo, quizais o pensou en serio.