Mínimo vital, máxima eficiencia

Xoaquín Fernández Leiceaga DECOTÍO

OPINIÓN

23 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Osistema de garantía de ingresos mínimos xa existe en España. Fragmentario (pensións non contributivas, complementos de mínimos das contributivas, rendas mínimas autonómicas ou municipais, subsidios extraordinarios de desemprego...), descordinado e pouco eficaz. Sen que exista un mecanismo que protexa fronte ao risco xeral de pobreza, como sucede en moitos países europeos.

Constitúe unha excelente idea ampliar esta protección, ordenala e perfilala mellor. Mediante un instrumento que combata singularmente as situacións de pobreza extrema, reforzando a malla de seguridade colectiva fronte aos riscos que afrontamos ao longo da vida. Facendo posible que os máis vulnerábeis, os nenos e nenas, teñan as oportunidades necesarias. Trátase dunha esixencia moral en sociedades desenvolvidas. Pensemos que, como lembraba non hai moito J. Sevilla (Reforzar el bienestar social: del ingreso mínimo a la renta básica, 2019), existe un tipo de gasto fiscal no IRPF (o mínimo persoal e familiar) que, cun custe elevado para as arcas públicas, deixa fora desta cobertura a aqueles xustamente que máis a precisan.

Non debemos esquecer que se trata dun esforzo colectivo, organizado desde o ámbito público e que financiaremos entre todos co pago de impostos. Esta solidariedade ten un custe e debemos deseñala e organizala para honrar o principio de eficiencia. Os recursos destinados compiten con outros e un deseño inadecuado pode facer que algunhas necesidades perentorias non se cubran adecuadamente ou se produzan incentivos inadecuados.

Como sucede normalmente nas políticas públicas, o demo está nos detalles. Na avaliación que fixo a AIReF da Proposición non de lei iniciativa lexislativa popular para unha prestación de ingresos mínimos (UGT y CC.OO. 2017) recollíanse dúas propostas que, alterando o deseño inicial, permitían, en graos diversos, atender a máis fogares con pobreza severa reducindo o custe fiscal, evitar as incompatibilidades coa actividade económica e minimizar o solapamento de prestacións coas xa existentes. As comunidades autónomas, con diferenzas notábeis en intensidade, teñen establecido xa sistemas de rendas de integración social. As iniciativas para o conxunto de España deben contemplar un deseño que estableza un nivel común homoxéneo e faga posible o desenvolvemento de políticas complementarias nas comunidades.

Está sobre a mesa un diálogo social e político para impulsar a recuperación de España logo da pandemia. O ingreso mínimo vital que garantiría a aproximadamente 1 millón de fogares o acceso a unhas condicións de vida decentes debería ser un dos seus resultados.