A presión dunha oposición en tempos do COVID-19

Conxita López Martín EN VIVO

OPINIÓN

XUNTA

22 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o punto de vista psicolóxico, presentarse a un concurso oposición supón todo un reto. É unha carreira de fondo de moitas horas de estudo. Isto en condicións de normalidade, onde inflúen aspectos como estar traballando, atender á familia e o resto de actividades que cada persoa realiza. Por mor do estado de alarma vivimos confinados desde hai xa máis dun mes. Unha situación excepcional que xera preocupación, ansiedade disfuncional que impide realizar as tarefas da vida diaria e, sobre todo, moito medo a ser contaxiados e a contaxiar a outras persoas.

Asemade, moitos dos opositores que se presentan están compaxinando, durante o confinamento, a teledocencia co resto das súas actividades cotiás e coa sobrecarga de ter que atender ás persoas maiores e aos fillos na casa. Teletraballar nestas circunstancias resulta complexo e leva moitas máis horas que preparar e impartir unha clase presencial, impedíndolles dedicarlle tempo de calidade ao estudo.

Se a sociedade no seu conxunto está a facer un esforzo para manter a calma durante o confinamento, pretender celebrar un concurso oposición nestas circunstancias é canto menos arriscado para a saúde tanto física como psicolóxica de todas as persoas que teñen relación neste proceso, incluíndo opositores e membros dos tribunais cualificadores. O feito de manter a convocatoria de oposicións provoca en moitas persoas un estrés innecesario que se une ao xa causado polos propios efectos derivados do estado de alarma: medo ao contaxio, ansiedade por non poder saír e dificultade para concentrarse e estudar.

Os opositores poden verse aínda máis afectados se durante este tempo de emerxencia sanitaria se producen perdas entre os seus seres queridos, dos que non se van poder despedir. Isto pode dificultar o inicio do proceso de dó, por non poder realizar os rituais funerarios, e, polo tanto, influirá negativamente á hora de presentarse en condicións de igualdade co resto de opositores. Do mesmo xeito, se enferman durante este tempo ou están enfermos cando empece o proceso. Ademais, estudar na casa, confinados, non sempre é doado nin posible. Pensemos nos instrumentistas que teñen que practicar na casa, nas bibliotecas pechadas...

O desacougo xerado nos opositores é total tendo en conta que Galicia pode converterse na única comunidade autónoma na que se convoquen.

O máis recomendable é adialas, xa que a Administración debe velar pola saúde da poboación, e esperar a que os opositores estean en mellores condicións físicas e psicolóxicas.