Aplaudir ás mestras

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

12 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As miñas fillas esíxenme que escriba sobre Pili, a directora do seu colexio, que segundo elas está alí «facendo todo ben». Non creo que os debuxos que lle mandaron en que aparecía retratada cun ordenador, unhas porterías e un unicornio pacendo na mesa representen ben a situación das equipas directivas. As nenas preferiron optar pola abstracción idealista mellor que pola realidade que transmiten elas mesmas, sentadas cos seus libros e deberes, pedíndome transmutarme en Pili, e en Merche e Maribel, as titoras, para ser quen de achegarme minimamente á perfección. 

Teñen razón. Este confinamento está pasando sen que o profesorado recibise das autoridades instrucións sobre como levalo adiante máis alá de catro vaguidades centradas na burocracia avaliativa. Presuponse que as familias podemos ou sabemos facer un traballo derivado a ordenadores e mesas da cociña cheas de cadernos, coa meirande parte das mestras desvivíndose por suplir a súa presenza a base de mails cargados de cariño e ideas imaxinativas. Os nenos e nenas deste país son os campións da corentena, si, pero iso non é innato. É porque alguén fixo e fai ben o seu traballo; porque alguén soubo e sabe inculcarlles un sentido da paciencia, da lóxica e da disciplina que non está en todas as casas. Fixérono esas Pilis, Merches e Maribeles que agora parece que pecan se se preocupan máis pola saúde mental do alumnado ca pola acta de avaliación. Non vai perderse a cura do cancro porque unha xeración de estudantes perda uns meses de clase. Preferimos que estean ben. Pili sábeo, eu seino, as miñas fillas sábeno, miles de mestras e mestres sábeno. Pero ninguén, coa Administración á cabeza, lles aplaude ás oito da tarde.