O futuro empeza axiña: o que vén despois

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

ALEXEY PAVLISHAK | Reuters

07 abr 2020 . Actualizado a las 19:25 h.

O futuro empezará despois deste peche; empecemos a pensar todos nel. Levamos tempo escoitando que as cousas van ser diferentes despois, pero ninguén di en que. Moitas voces din que isto nos cambiará, pero non sabemos como. O único certo é que nunca vivimos nada coma isto, que o lembraremos toda a vida e que aos nosos netos aínda lles chegará fresca a memoria destes meses nos que se parou o mundo que coñeciamos e no que milleiros de persoas finaron inesperadamente polo andazo do coronavirus. De súpeto a historia apareceu como acontecemento imprevisto, pois o que estaba aparentemente controlado, medido e guiado descontrolouse sen que soubésemos como nin por que, e sen que as estruturas de goberno souberan moi ben como reaccionar. Para explicar o que pasa proliferaron as teorías conspiradoras ou a das vinganzas divinas polos pecados, distintos segundo as crenzas. Buscar culpables nunha situación coma esta é unha constante histórica, nada inesperado.

Entendemos que estamos nunha crise de dimensións históricas pero non temos aínda nin idea do que iso pode significar exactamente. Pandemias houbo moitas na historia, tantas que as culturas e as economías convivían con elas, agás cando ían encadeadas con crises sistémicas. Hai cen anos pensamos que desapareceran coa gripe española. Pasou un século e o mundo cambiou moito. Hoxe as vidas teñen moito máis valor ca daquela, e este incremento da mortalidade resulta inaceptable.

Para o día despois do peche, para o día do reinicio, necesitamos moito coñecemento social e científico, político e histórico, para tomar decisións. Moita reflexión e tamén unha información libre nesa mesma dirección, alén das ocorrencias de todólogos, magazines de varietés e de comunicadores rosa fucsia. Precisamos conformar opinión libre, sen prexuízos nin servidumes. Veñen tempos difíciles. Acabáronse hai moito os tempos modernos, e, polo visto, o que había despois da posmodernidade era algo así. Despois de tanto anuncio por fin o descubrimos.

Quen segue o Financial Times pensará que por fin se liquidou a ortodoxia MBA. Que, cos acontecementos históricos que estamos a vivir, acabaron as catro décadas dos conservadores que sacralizaron con tanto éxito o mercado que ata se atreveron a mercar a revolución e levala empaquetada para a casa. Pero pode que esa liquidación nos editoriais dalgúns xornais respectables só sexa cousa destes días. Levamos varias crises económicas dende 1973, aquela que quixo ser sistémica e non lle deixaron. Na última, a de 2008, falouse moito de refundar o capitalismo, pero nada pasou. O que pase de verdade vano decidir a conciencia cívica e as políticas dos gobernos, e con moita tensión.

Gobernar para a xente en democracia, como se fai hoxe? Estes son tempos proclives ao temor, e o medo sempre pode abrir o camiño do poder a gobernos iliberais e populistas autoritarios. Eses que xa están aquí e que reaccionarán inventando máis medos para resistir aos cambios necesarios na economía en relación coa natureza e, ao cabo, coa vida. O mundo acaba de probar unha menciña que xa fora receitada: parar de medrar. Serve para frear o quecemento global, para reorientar o uso da tecnoloxía a prol da vida e do benestar e o da ciencia a prol da saúde universal.