Traballando con anciáns

Alfonso García Blanco DECOTÍO

OPINIÓN

Brais Lorenzo

06 abr 2020 . Actualizado a las 21:46 h.

A emerxencia sanitaria está facendo aflorar os problemas estruturais do sector das residencias de maiores. Agora, á luz das dramáticas noticias, todo o mundo reacciona con lamentos e horrorizada ante as ducias de mortes que se están a producir nestes tipos de centros por mor do coronavirus. As administracións e os donos das empresas, xestores dos centros e o propio persoal está no punto de mira. Porén, a súa responsabilidade na xestión desta crise non é a mesma. Non se pode nin culpabilizar, nin tampouco sinalar por igual.

En Galicia hai unhas catro mil prazas en residencias públicas e case cinco veces máis nas privadas. No sector privado, este importante servizo préstase con cadros de persoal cada vez máis exiguos, provocando o esgotamento dos traballadores.

A tensión de ter que atender a numerosas persoas usuarias ao longo do día, xunto co sobreesforzo de realizar tarefas repetitivas e moitas veces sen axudas mecánicas ou salvando dificultades arquitectónicas, provoca nestas traballadoras todo tipo de patoloxías: ansiedade, trastornos do sono, depresión, problemas músculo-esqueléticos e de todo tipo. Coa emerxencia sanitaria na que se encontra agora o país, chove sobre mollado. Se a situación era en moitos casos límite, a pandemia acabou de rebentar as costuras dun sistema desbordado, sen que as inspeccións da Administración fosen capaces de identificar a tempo elementos para a preocupación.

As traballadoras están suplindo todas as carencias coa súa profesionalidade e compromiso, pero están chegando ao límite, porque a falta de medios obrígaas a facer o seu traballo nunhas condicións que son calquera cousa menos seguras e dignas. O lema «coida a quen te coida» tamén vai por elas, non o esquezamos. Seguirán aseando os residentes que o necesiten, vestindo os que non poden, dando de comer, facendo camas, desinfectando as instalacións, lavando roupas... E consolando, escoitando, facendo compañía aos máis vulnerables nesta situación excepcional.