«Non me vai pasar a min»

Ricardo García Mira LUCHA CONTRA EL CORONAVIRUS

OPINIÓN

Pilar Canicoba

31 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai apenas un mes viaxei a Ithaca, Nova Iorque, para realizar unha estadía de traballo como visiting scholar na Universidade de Cornell. O primeiro que se aprende nesta cidade é como vive para a súa Universidade, a cal move toda a súa economía local. Non en balde, o condado de Tompkins é hoxe o de maior índice de creación de emprego dos EE.UU. Sen dúbida, debemos tomar nota nas cidades galegas, depositarias do coñecemento dos seus sete campus.

Cornell goza de ser parte dos Top 15 a nivel mundial (ránking de Shanghai) e ten o mérito de contar entre os seus profesores co famoso divulgador científico Carl Sagan, quen en vida tanto nos ensinou sobre o Universo coñecido. Se el aínda estivera con nós, o COVID-19 contaría de seguro cunha teoría explicativa da súa expansión pola Galaxia, do mesmo xeito que desde Nova Iorque está a expandirse por toda a nación. Sen máis alternativa que recluírme na Universidade primeiro, e no meu apartamento de North Tioga Street despois, foi o anuncio do peche do espazo aéreo europeo o que me levaría a rematar coa estadía, non sen antes ter a oportunidade de ensinar nas súas aulas.

O bo, se breve, dúas veces bo. E agora, desde o meu illamento solidario na Coruña, reflexiono sobre o COVID-19 e os seus aspectos psicosociais para tratar de entender mellor a natureza da relación entre a experiencia humana e o espazo de vida no que nos mergulla: a psicoloxía do risco, a negación da ameaza, a incerteza e os efectos psicolóxicos nas nosas decisións.

Hai un risco que adoita producir reaccións negativas nas persoas, influído por sesgos cognitivos que acaban converténdose en obstáculos mentais para sermos proactivos e solidarios. Así, a actitude de negación dalgúns cara a unha ameaza fai que rexeiten calquera posibilidade de ser infectados.

A negación é para Freud unha representación cognitiva de algo que queremos reprimir, é como un rexeitamento dunha percepción diante dun risco que se impón no noso mundo exterior. Tal negación obriga á infracción das regras, interrompindo o confinamento e poñendo en perigo tanto aos infractores coma aos demais. É a suposición da crenza de «non me vai pasar a min», un «efecto de negación de antecedentes» que tamén implica a negación das consecuencias.

O rexeitamento desta probabilidade trae consigo un comportamento para o que as autoridades estableceron mecanismos de intervención (multa, detención...), non doados de aceptar por quen valora a protección da liberdade individual, mesmo cando se pretende con elas reducir a mortalidade ou limitar o impacto económico máis negativo. Ocorre nesas persoas —non sen certa soberbia— un proceso de autoengano, xorde nelas unha actitude de negación a racionalizar a importancia da evidencia e os argumentos que aconsellan quedar na casa.

O COVID-19, ademais de representar un risco físico, tamén xera un risco para a saúde mental. Afecta ás persoas e á sociedade, provocando trastornos, medo, pánico e estigmatización do grupo con maior risco, os anciáns. Hai inseguridade sobre o que pode suceder, incerteza e ansiedade, que é completamente normal e aparece intensificada por calquera rumor.

Para minimizar o seu impacto, compre reformular o sentido de estar na casa, como un xeito de illar preocupacións e recuperar a súa dimensión relaxante. Hai moitos estudios que demostran os aspectos positivos da cotidianeidade. O cultivo das artes na cociña é unha potente estratexia para loitar contra a depresión. Coa lectura combátese ben a demencia. A xardinería reduce os niveis de estrés. Mesmo a tecnoloxía, sen abuso, constitúe un bo complemento para mellorar a empatía e establecer novas relacións, para aprender ou para estimular positivamente o cerebro. En definitiva, volver a meditar creativamente sobre nós mesmos, os nosos sentimentos e sobre as relacións, é un xeito eficaz de mellorar a nosa actitude diante da vida.