Ex-futuro

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

27 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que as nosas vidas están adiadas, collín o libro e non parei até rematalo. Supoño que o feito de que a historia falara da vida a través de tres tipos de emigrantes foi o que me fascinou, pero tamén o seu xeito máxico de contala. A realidade de Virtudes, a protagonista, non era tan diferente á das mulleres da miña familia; e o autor, Xesús Fraga, foi capaz de sintetizar as historias da emigración a través da muller que decide emigrar, da que non o decide pero emigra igualmente, e do que, sen sabelo, xa nace emigrante. Enlazando así as realidades que xa nos son invisibles coas que están máis presentes ca nunca.

Unha das partes máis fermosas do libro é cando o autor reflexiona sobre a idea dos «ex-futuros», ese concepto de Unamuno que semella que nos reflicte a todos: «Siempre me ha preocupado el problema de lo que llamari?a mis ‘yos ex-futuros’ los que pude haber sido y deje? de ser, las posibilidades que he ido dejando en el camino de mi vida». No caso de Virtudes (e misterios), Fraga abórdao tentando responder ás preguntas que os fillos de emigrantes nos facemos constantemente, imaxinando como sería esoutra vida na que os nosos pais ou avós quedan na emigración e a nosa existencia se desenvolve noutra realidade moi distinta á nosa.

Pero nestes tempos de pandemia, eu non deixo de pensar no «ex-futuro» da normalidade. Nesa realidade que podería ter sido agora, na que estaría dándolles clases aos meus alumnos ou preparando o seguinte evento público, e me pregunto se o meu ex-futuro era realmente este, no que confinada co meu home e a miña nai, podo, por fin, parar a miña vida ex-futura para pensar no outro futuro que aínda estou a tempo de construír...