O virus contra a cultura


Nada máis decretarse o estado de alarma, o Goberno anunciou un paquete de medidas para atender as consecuencias, gravísimas, que a nivel económico ían sufrir determinados sectores. Así foi e paréceme ben. Pero esquecéronse do sector cultural. Entre esas medidas non se contemplaba axudar ás librerías, que están pechadas, ás editoriais, que non poden facer libros porque non hai onde vendelos, aos cines, que non poden exhibir películas, aos teatros, que non poden ter público, aos músicos, que non poden organizar concertos, etcétera. Son milleiros as persoas que viven do mundo da cultura en España. Non son catro gatos. Son moitos e representan nin máis nin menos que o 3,2 % do PIB de España. De feito, o ano pasado foron case que 700.000 empregos os que xerou a industria cultural en España. Mais, sendo todo isto certo, o Goberno non arbitrou medidas para paliar o que vai, o que xa está sendo, unha hecatombe. Só o sector do libro estima en máis de mil millóns de euros as perdas que se van acumular durante este ano. No caso do libro galego, un sector depauperado e deixado da man das administracións, o buraco vai ser inconmensurable.

A cultura non é pois valorada por quen debería facelo. Tampouco me sorprende. Leva sendo así toda a histora de España. Créanse encendidos debates pola supresión da Eurocopa ou porque se fale de xogar partidos a porta pechada, pero ninguén semella decatarse da traxedia que significa que as librerías estean pechadas, que non se lle poida pagar ao persoal empregado, que os discos non se poidan vender, que esa obra non se estree, que esa novidade bibliográfica non poida saír dun almacén.

Todo isto ao mesmo tempo no que as redes se enchen de imaxes onde os músicos cantan dende os balcóns para entreter aos veciños, que aplauden. Ao mesmo tempo no que os escritores len fragmentos das súas obras ou liberan na rede libros enteiros para que a xente poida ler. Ao mesmo tempo no que os museos abren virtualmente e as asociacións culturais preparan material para que cada un, dende a súa casa, poida seguir gozando da cultura.

Máis unha vez e coma sempre, a xente da cultura amosa estar máis á altura que os seus gobernantes. Xente xenerosa que case que sempre está instalada na precariedade e que, aínda así, aínda agora que o panorama é tan feo, se dá por completo para que, como cantou o gran Mercury, o espectáculo poida continuar. E continuará. Aínda que os que nos gobernan non entendan que a cultura, coma o pan, é básico para, tamén, superar as pandemias.

Por Francisco Castro Escritor e editor

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

O virus contra a cultura