PharmaMar e a loita contra o coronavirus

Xosé María Torres Bouza
Xosé María Torres LIÑA ABERTA

OPINIÓN

21 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1977 Laboratorios Abelló, unha empresa farmacéutica madrileña, contratou a un avogado do Estado que quería adicarse á empresa privada: Mario Conde, nacido en Tui, onde o seu pai era inspector de Aduanas. O propietario da empresa, Juan Abelló, conxeniou rapidamente co seu novo director xeral, co que formou un tándem pioneiro da España do pelotazo.

Abelló distribuía en España medicamentos da estadounidense Merck Sharp & Dohme (MSD), e tamén produtos propios como o famoso Frenadol (que apareceu en 1971); ademais fundara en León nos anos 50, xunto con cinco empresas medianas (IBYS, Uquifa, Leti, Llorente... e Zeltia!) unha moderna fábrica de Antibióticos S.A., que resultou unha das perlas da industria española.

Pero Juan Abelló non estaba chamado para vender frenadoles. Coa axuda do seu gurú e tiburón empresarial, Mario Conde, vendeu en 1983 a empresa paterna aos americanos de MSD por 2.700 millóns de pesetas, e fíxose co control de Antibióticos. En 1986 anunciouse a venta de Antibióticos SA á italiana Montedison pola estratosférica cifra de 58.000 millóns de pesetas. Conde e Abelló fixéronse millonarios e a sua truculenta historia posterior xa non nos interesa neste artigo.

Dicíamos que un dos propietarios de Antibióticos era a empresa galega Zeltia, fundada en 1939 e radicada no Porriño, onde crearían un avanzado polo farmacéutico e empresarial. Un dos directivos e propietarios de Zeltia era en 1986 José María Fernández de Sousa-Faro, catedrático de Bioquímica na universidade de Santiago, e director de investigación en Antibióticos SA.

Coa venda desta empresa, Fernández de Sousa-Faro ingresou unha respectable cantidade económica, que en lugar de adicar a especular, decidiu investir no proxecto da súa vida: o descubrimento de medicamentos antitumorais de orixe mariña. Creou en 1991 PharmaMar e durante anos adicouse a recolectar mostras de invertebrados mariños; fíxoo colocando biólogos nos barcos factoría que o seu irmán Manuel, propietario de Pescanova -tamén visionario, pero hoxe un anxo caído- tiña nos sete mares. Conseguiu así decenas de miles de mostras dos máis estraños animais das profundidades mariñas, que pouco a pouco foi ensaiando nos laboratorios radicados en Tres Cantos (Madrid).

PharmaMar coa confianza dos investidores e os recursos da venda de insecticidas e pinturas do grupo Zeltia, puido aguantar ata 2008 en que comezou a comercializar o antitumoral Yondelis... que non foi o merlo branco que esperaban. Tal vez si o sexa Aplidin, comercializado como antitumoral en Australia, pero rexeitado en 2018 pola Unión Europea, e que segundo moi recentes investigacións resulta activo nas probas in vitro -desenvolvidas polo CSIC- fronte ao coronavirus COVID-19, como adiantou hai uns días o presidente da empresa.

Ogallá! Hoxe PharmaMar non ten ningunha relación con Galicia: absorbeu á sua matriz Zeltia (que desapareceu), e desprendeuse das empresas de insecticidas e pinturas do Porriño (Zelnova e Xylazel) que sostiveron a vida de Pharmamar durante case 30 anos. Pero o seu berce estivo aquí, e o noso corazón está con eles... e cos enfermos da epidemia de coronavirus, orfos de tratamentos.