Política do coronavirus

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Partido Popular

18 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En democracia todo é política. Non pode ser doutro xeito. Na China tamén, pero alí a política faise só nun comité central. Admiran estes días algúns a docilidade social oriental, considérana moi práctica para acometer a pandemia do coronavirus, esquecendo que esas sociedades tan aparentemente dóciles e ben guiadas -Xapón, Corea tamén o parecen- foron históricamente imperios con autoridades centralizadas, dotadas dun poder militar brutal e apoiadas en relixións que avalaban a submisión e a subordinación ao poder. Xapón e Corea veñen liberándose hai décadas deses corsés; a China intentouno antes de Tiananmen. Tamén as relixións e o feudalismo occidental propuñan parecida submisión. A diferenza estivo na precoz vontade de autonomía da política fronte á relixión que construíron algúns europeos dende a época do Renacemento, o humanismo moderno e a Reforma, xusto despois da maior pandemia que se lembra: a peste negra que asolou Europa a partir de 1347. Como lembrou Aurora Artiaga, daquela igual que agora o andazo veu da China, o trouxo un italiano e o illamento foi a forma de combatela. Ou non todo muda tanto como pensamos no presente ou a humanidade tende a repetirse.

A autonomía da política é a que explica as reaccións dalgúns partidos que, como é lóxico, non deixan de facer política nin en tempos de crise. Xaora, ninguén deixa, só que cada un faina ao seu xeito. As chamadas á unidade son moi sensatas pero tamén son políticas e forman parte dun discurso articulado dende quen goberna o Estado e presenta o combate do andazo case como unha operación militar, unha guerra contra o virus na que o patriotismo sanitario defensivo ocupa o lugar -en boa hora- do patriotismo militar agresivo de outrora. Aínda que siga habendo elementos tan combativos que mesmo nacionalizan os seus anticorpos e poñen bandeiras ao sangue, coma o innomeable que todos sabemos. Non quería falar deses trasnoitados aos que se lles escapa o discurso neofalanxista.

As intervencións críticas do PP nesta crise -unhas con mais fortuna que outras- son exemplo da necesidade inevitable de facer política en democracia. Os voceiros populares foron moi criticados por tirar partido político -nunca mellor dito- dunha situación de emerxencia. Sempre o fan (Fraga cando o referendo da OTAN), na mesma medida que intentan evitar que llo fagan a eles (Rubalcaba despois do 11-M). Non sei onde está o límite da deslealdade, pero pode medirse no que duran as vinganzas. As censuras dos populares á xestión da crise polo Goberno inzáronse e artelláronse nunha estratexia, non sei se pensada pero si visiblemente executada a mesma tarde do venres, cando o Goberno central anunciou a declaración do estado de alerta. Esa tarde, as tres comunidades autónomas máis importantes gobernadas polo o PP -Galicia, Andalucía e Madrid- e o alcalde desta última ademais de críticas fixeron declaracións institucionais avanzando medidas que ao día seguinte ía concretar o Consello de Ministros. Foron intervencións oportunas e oportunistas. Política ao cabo: que logo non pidan que non lla fagan a eles. Un erro que Rubalcaba non cometeu pero que adoita cometer a esquerda, que prefire ir ao ceo antes que ao goberno. Fagan política.