Recluídos e resistindo

OPINIÓN

16 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Debido á tardanza en tomar medidas efectivas, a situación que estamos a vivir en Madrid, e que posiblemente se estenderá a outras rexións, é penosa. Xa non se trata de evitar que nos contaxiemos co coronavirus, pois se dá por feito que todos sufriremos a enfermidade, senón de evitar que o fagamos ao mesmo tempo; por iso pídennos que non saiamos de casa.

As urxencias están colapsadas e os hospitais non poden atender a todos os pacientes que o necesitan. O neto dunha amiga con quen me reunía todos os sábados padece unha insuficiencia respiratoria desde a infancia que o leva dúas ou tres veces por ano ao hospital. Agora ten coronavirus con febre de 39 a 41 grados, e estanlle dando á súa nai instrucións por teléfono para que o atenda na casa e non o leve ao hospital.

A presidenta da comunidade di que Madrid ten o mercado central máis grande de Europa e que non hai desabastecemento. Eu compro só o que necesito, e levo días traéndome á casa o que ninguén quere: hoxe, un envase de leite espachurrado e sucio, o único que había, e tamén a única media ducia de ovos, minúsculos e de pai descoñecido, cun deles cascado; e un sobre de xamón, que polo prezo e a finura dos liscos podería conter láminas de ouro. Ah! Esquecíame, tamén comprei patacas. Cocidas e cun chorro de aceite cru e sal por encima, están boísimas. Unha farmacéutica díxome que acababan de recibir toalliñas desinfectantes. Un paquetiño de dez panos, a 2,5 euros. E son de coloña… Así estamos. E a resistir toca.