16 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos segundos de rematar a comparecencia do presidente do Goberno para explicar as medidas que determinarán o estado de alarma, sentinme profundamente triste. E non, non foi por non poder saír da casa, que xa levaba desde o xoves pola tarde nela. Non foi polo medo a quedar sen produtos de primeira necesidade, nin tampouco por medo a estar infectada. A miña tristura naceu do teléfono móbil, da xente coñecida que puxo a pleno rendemento os grupos do WhatsApp. Primaban as ideas políticas por riba de calquera outro sentimento. Familia, compañeiros, amigos, coñecidos... Todos armando lea, caldeando os azos e provocando a todo o que non pensase exactamente igual ca el. Non aprendemos. Non sabemos convivir. Nin sequera nos momentos máis delicados como sociedade. O conto de Xan Lanas: se andas ben, porque andas ben, se andas mal, porque mal andas. Ata nestes momentos queremos ser os protagonistas e ter a razón. Invoco á cordura e á responsabilidade. Iso si. Os alterados das redes sociais aseguran quedar na casa. E se vas cumprir as normas... para que criticalas? Todos podemos facer as cousas mellor. E todos as podemos facer peor. Todos. Todos! Por unha vez, por favor, xuntémonos. Deixémonos de loitas para facernos coa razón absoluta. Isto non vai de poñerse unha medalla. Isto vai de arrimar o ombro. Por sorte, moita xente saíu á rúa a aplaudir a todos os que nos están sacando as castañas do lume, os invisibles de todos os sectores que hoxe nos manteñen en pé. Quixera quedar con ese aplauso.