José Couso outra vez

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

14 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A familia de José Couso, o cámara de Telecinco morto en Bagdad no 2003, cando un tanque do Exército dos EUA disparou contra o hotel Palestina, no que se aloxaban 200 correspondentes de varios países, nunca pediu unha compensación económica, senón xustiza: que se recoñecese a acción como crime de guerra e fosen xulgados os tres militares responsábeis. A indemnización de 182.000 euros que o Estado debe aboar á viúva e os fillos, por recente sentenza da Audiencia Nacional, débese á «omisión de protección diplomática» que o Estado estaba obrigado a darlles e lles negou; pero «os irmáns, amigos e compañeiros» que, despois de pasar por todos os tribunais de xustiza en España, teñen o caso no Tribunal de Dereitos Humanos, en Estrasburgo, non recibirán un euro.

Convén aclarar esta circunstancia antes que se poñan en circulación observacións insidiosas como: «Dicían que non querían cartos e mira». Hai anos, en días previos á entrega do Premio José Couso de liberdade de prensa, en Ferrol, espallouse pola cidade un embuste: «Compara a dignidade con que Julio Anguita aceptou a morte do seu fillo, xornalista en Iraq, coa feira que andan a montar os familiares de Couso». A diferenza estaba en que Julio Anguita Parrado exercía de correspondente de guerra nun centro de comunicacións do Exército dos EUA, onde caeu un mísil iraquí e houbo mortos e feridos. Foi unha acción bélica, un accidente laboral. Nada que ver coa morte de Couso, consecuencia dun meditado castigo á prensa por parte do Exército norteamericano, que horas antes atacara as sedes das cadeas de televisión Al Jazeera e Abu Dhabi.

Aquel libelo non ten máis explicación que o odio entre as dúas Españas. José Couso levaba na cámara un adhesivo que dicía «No a la guerra» e o avó materno foi un militar que fixo a guerra no bando republicano.

No libro Una España mejor, Mariano Rajoy comenta parte da súa traxectoria política. Da guerra de Iraq non di nada, pero como vicepresidente do Goberno de Aznar tivo os primeiros contactos coa familia de José Couso, e no 2014, sendo presidente do Goberno con maioría absoluta, modificou a Lei da Xurisdición Universal, que impediu ao Supremo xulgar o caso Couso e, de rebote, puxo en liberdade a medio cento de narcos.

A sentenza da Audiencia Nacional dá a razón á familia de Couso —unha panda de antipatriotas, en opinión de Aznar— e condena ao Estado a reparar o dano causado, porque a morte produciuse en circunstancias que «constituyen un ilícito internacional» e a Administración do Estado «se limitó a recibir y aceptar las explicaciones ofrecidas por la Administración de los Estados Unidos en el sentido de que el ataque al hotel Palestina se encontraba justificado y que el fallecimiento del señor Couso fue un lamentable accidente».

Como non creo que os maxistrados da Audiencia se fixesen podemitas da noite á mañá, non entendo que o Goberno de Pedro Sánchez recorra a sentenza co argumento da ministra de Exteriores, Arancha González Laya, de que a decisión xudicial obrigaría ao Estado a atender calquera petición de calquera español que se encontre no estranxeiro. Muller, calquera de calquera non; a da familia dunha vítima dun crime de guerra, si. Rotundamente, si.