Os coidados, do persoal ao politico

Eva Solla LIÑA ABERTA

OPINIÓN

10 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai xa algunhas décadas que as mulleres comezamos de xeito maioritario a incorporarnos ao mercado laboral. E é ben certo tamén que grazas á loita feminista cada vez se fala máis da fenda salarial, das discriminacións no ámbito laboral e social e da necesidade de corresponsabilizarse no fogar das tarefas de coidados.

Pero, están verdadeiramente valoradas as tarefas de coidados do fogar, de maiores, menores e dependentes? Somos mulleres e homes realmente corresponsables nesas tarefas? Alcanzouse a igualdade no ámbito dos coidados? A resposta é rotundamente non. As tarefas de coidados seguen infravaloradas e ocupadas maioritariamente polas mulleres.

Os últimos datos sobre conciliación ofrecidos polo INE indican que as mulleres dedican un 26,5 horas de horas de traballo semanal a tarefas non remuneradas (coidado do fogar e dos fillos e fillas sobre todo) fronte a 14 horas nos homes. Das mulleres enquisadas con emprego nese momento, máis do 77 % facíanse cargo tamén das tarefas de coidados diariamente. Existe entón unha verdadeira conciliación? Cales son os efectos de tentar compaxinar emprego remunerado e coidados?

Segundo a última enquisa de poboación activa ofrecida polo Instituto Galego de Estatística, basta fixarse na poboación ocupada con fillos menores para comprobar que socialmente a cousa aínda non mudou tanto. Do total de mulleres ocupadas con fillos ou fillas menores de 15 anos, o 34,5 % recoñece que os coidados tiveron efectos no seu emprego actual, fronte a un 13,5 % dos homes ocupados. Resulta significativo o dato de que o 19,1 % das ocupadas con fillos ou fillas tivo que reducir o número de horas de traballo fronte ao 4,2 % dos ocupados.

A EPA ofrece tamén os datos relativos á poboación en idade de traballar que deixou de traballar ou reduciu a súa xornada para coidar familiares dependentes. Neste caso abandonaron o traballo ou o reduciron un 8,2 % das mulleres, fronte ao 3,9 % dos homes.

Con este panorama de reducións de xornadas e limitacións laborais non é de estrañar que a fenda salarial entre mulleres e homes se atope en Galicia aínda nun 29,1 %. Por non falar do que significa para as pensións reducir as cotizacións e as expectativas de traballo.

Así as cousas, as tarefas de coidados tornan do persoal ao político, porque a esta problemática só pode responder con solucións que garantan que a conciliación é de verdade e non a costa do desenrolo profesional das mulleres en moitos casos.

Ampliación dos permisos remunerados, iguais e instransferibles, máis recursos públicos para atender a pequenas, pequenos e maiores e dependentes, e medidas activas para reducir progresivamente a fenda salarial son a responsabilidade de quen nos presentamos ás vindeiras autonómicas.

Precisamos unha sociedade que se encargue por igual de coidar. As feministas seguiremos pulando porque sexa así.