A forza política da ciencia en Galicia


AReal Academia Galega de Ciencias (RAGC) ven de elaborar un estudo, publicado na súa web (www.ragc.gal), no que se analiza cuantitativa e cualitativamente a produción científica das universidades do Sistema Universitario Galego (SUG, que supón máis do 80 % da produción científica en Galicia). Tomáronse como referentes as tres universidades máis importantes da Rexión Norte de Portugal (RNP), as once universidades españolas mellor situadas no ránking de Shanghai no ano 2019 e dez universidades de dez países europeos que contaran, en cinco casos, con índices de produción científica no 2004 semellantes ós do SUG ou ós da USC nos outros cinco. Do estudo desprendese que as universidades do SUG están a diverxer negativamente en relación ós tres grupos referentes mencionados, tanto no volume de produción científica como na calidade das publicacións, avaliada mediante indicadores tales como o impacto medio ponderado, o índice h-5 ou o número de citas recibidas por artigo.

Indicar, por exemplo, que no ano 2000 a USC era líder na eurorexión Galicia-Norte de Portugal, mentres que actualmente a Universidade do Porto ten unha produción científica equivalente á do SUG. Asemade, a Universidade do Minho superou, inicialmente, á Universidade da Coruña (2004), á Universidade de Vigo (2011) e estase aproximar rapidamente á USC, a pesar do seu moito menor tamaño. A principios de século a USC tiña mellores indicadores cuantitativos que seis das once universidades españolas consideradas no informe, e era a superior ás cinco universidades europeas de tamaño similar, sendo actualmente superada por practicamente todas elas.

Observando a evolución a nivel internacional, é moi posible que nun prazo relativamente curto de tempo non sobrevivan en España máis dunha ducia de «universidades completas» no seu sentido pleno de institucións investigadoras e docentes. O papel das restantes universidades, como sucede noutros países, limitarase fundamentalmente á formación de graduados. De seguir a tendencia actual, Galicia corre un serio perigo de deixar de ser relevante no mundo universitario.

Galicia ten que estar presente na iniciativa dos campus europeos, hoxe un programa piloto pero que moi axiña converterase nun programa que marcará diferenzas cualitativas entre universidades. E para isto compre ofrecer ós potenciais socios destes campus unha oferta atractiva de calidade, que neste momento non resulta evidente. Hai pouco tempo este xornal informaba sobre a cativa capacidade de atracción do SUG de estudantes doutras comunidades ou países, o que resulta significativo e, ó mesmo tempo, moi preocupante. Hai que dar, dende Galicia, unha resposta acaída ós estudantes, e as súas familias, que comezan a ter moi en conta a importancia da formación en universidades de prestixio, é dicir, en universidades cunha capacidade investigadora recoñecida.

O informe pretende concienciar, non só os universitarios, da urxente necesidade de buscar solucións mediante medidas de gran calado que permitan modificar o rumbo para acadar, a medio prazo, unha situación máis satisfactoria. A RAGC comezou xa o seu proceso de diagnóstico nunha xornada á que asistiron máis de 60 profesores das tres universidades galegas, e na que non faltaron nin autocrítica nin propostas, que poranse á disposición dos gobernos das universidades e das organizacións políticas galegas. Todos deberemos tomar conciencia da situación e actuar na medida en que teñamos responsabilidades ou medios para facelo.

No debate quedou patente que a evolución da ciencia en Galicia vai ser directamente dependente do seu peso social e político, tanto nas propias universidades como no Parlamento e na Xunta de Galicia. Demandamos ás autoridades académicas un posicionamento máis comprometido a prol da investigación, do que se desprendan medidas de maior compromiso e estímulo da actividade investigadora de relevancia. E ós partidos políticos, neste momento clave de elaboración dos seus programas electorais, unha maior atención á investigación e á innovación, no convencemento de que o futuro do país está irremediablemente ligado ó nivel da súa ciencia e tecnoloxía.

Por Juan M. Lema Rodicio Presidente de la Real Academia de Ciencias

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

A forza política da ciencia en Galicia