A oposición quere ser Goberno?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

03 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Empeza a resultar asombrosa a coincidencia dos tres partidos da oposición que aspiran a substituír o PP no Goberno en falar sen parar de Feijoo. Falan del para criticalo, para dar a entender que está esgotado, para ameazalo coa derrota nas vindeiras eleccións, pero o que conseguen decote é darlle todo o protagonismo nos medios. Os titulares que saen estes días das entrevistas que ofrecen Gonzalo Caballero -«Feijoo é pasado», Ana Pontón -«Feijoo é cautivo de Casado»- e Antón Gómez-Reino -«Se Feijoo ten un voto menos haberá Goberno de coalición- teñen de protagonista e referente ao actual presidente da Xunta. Dá igual o medio que publique a información, pode ser afín ou ostentosamente contrario, galego, madrileño ou barcelonés, tanto ten, porque os titulares vainos dar o candidato alternativo. Pode ser un xornal, unha radio ou unha televisión, un medio dixital ou analóxico: as declaracións conflúen no actual presidente da Xunta porque aí as levan os candidatos da oposición. As lóxicas da información establecidas polos códigos do xornalismo conducen sempre na mesma dirección, tendo en conta a mensaxe emitida: outorgarlle todo o protagonismo ao actual presidente da Xunta. Ao meu ver son tan nefastos os resultados desta estratexia de comunicación que parece concibida polo peor inimigo da oposición. Aínda resulta máis asombrosa a coincidencia neste punto dos discursos dos tres cabezas de lista: tan poderosamente similares son as mensaxes dos tres que semella cousa de meigas, se as houbera, que non as hai.

Deixar da falar do pasado sería para a oposición a maneira de axudar a imaxinar outros futuros e poder xerar a ilusión de que mañá empeza todo, se queren superar once anos de Gobernos populares, un tempo no que moitos máis que non votaron ao PP xa se afixeron ao seu poder aparentemente brando. Se a oposición quere fomentar a participación nas urnas o día 5 de abril, única garantía para unha posible maioría alternativa, sería mellor que empezaran a emocionar aos votantes, implicalos e facelos cómplices de algo novo. Xerar expectativas e esperanzas é a única forma de buscar unha mudanza no Goberno, que aínda así pode conseguirse ou non. As persoas sempre votan por dúas razóns principais: ou para que nada cambie porque consideran mellor seguir como se está, antes que un futuro incógnito, ou votan na expectativa de que as cousas muden e melloren para a maioría. Logo están as análises dos segmentos do mercado electoral e toda a mercadotecnia que as acompaña, pero nada substitúe a capacidade de xerar ansias e arelas de mudanza para mellor. Non hai efecto chamada ao voto máis poderoso.

Falar do futuro sería a forma de dar credibilidade ás propostas programáticas e de novas políticas da oposición. Precisamente o que se empeza a botar de menos a un mes das eleccións son propostas alternativas sobre que facer co país. Espéranse aínda propostas, emocións e ilusións para construír futuros, en vez de falar do pasado. É certo que as eleccións non as gaña a oposición senón que as perde o Goberno, pero coa súa estratexia actual a oposición dá a entender que esa parte -o fracaso do Goberno- non está feita e non lograr arrincar coa súa parte: propostas que emocionen aos votantes.

Falar do futuro sería a forma de dar credibilidade ás propostas programáticas e de políticas da oposición. Bótanse de menos propostas alternativas