Unha reforma real ou outro cadáver na loita partidista?

Rogelio Carballo PRESIDENTE DE CONFAPA GALICIA

OPINIÓN

01 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Achégase unha nova reforma educativa, a oitava en democracia (ademais dunha anterior en 1970). Desta volta, a xustificación explícita da reforma consiste en desfacer os aspectos máis lesivos da moi contestada LOMCE (acredora da oposición da práctica totalidade da comunidade educativa) e poñer a vista no futuro educativo dos nosos fillos apuntando á Axenda 2030.

Para as familias da escola pública, este proxecto de reforma educativa incorpora e resolve algunhas das reivindicacións máis importantes que tiñamos contra a LOMCE, como as reválidas, un sistema caduco e arcaico que pretendía desviar a responsabilidade principal da calidade educativa do sistema ao alumno -iso si, atoándolle o acceso ás sucesivas etapas educativas-. O fin último era restrinxir o fluxo de estudantes ás universidades, obxectivo que cumpriu sobradamente, pois hoxe as universidades, nomeadamente as carreiras técnicas, están case baleiras.

O proxecto de lei fala de obxectivos educativos como a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, as tecnoloxías da información e a comunicación, o emprendemento, a educación emocional, a educación en valores, a formación estética e a creatividade... É imposible estar en desacordo con estes principios de base, que Ceapa, da que Confapa Galicia forma parte, defendeu nos traballos da subcomisión parlamentaria para o pacto educativo; especialmente a necesidade de preparar as novas xeracións para un mundo de automatización e robotización nos postos de traballo. Introducirmos o emprendemento nas aulas e darmos protagonismo á creatividade están entre os elementos que máis valoramos desta reforma.

Tamén son pasos adiante a recuperación das competencias dos consellos escolares e a redefinición das funcións das direccións dos centros de ensino, tendentes a unha maior profesionalización da función directiva. Está demostrado que os mellores centros educativos son aqueles que fomentan a participación das familias na xestión do centro e na toma de decisións. O mesmo podemos dicir da limitación aos centros concertados que segreguen ou separen alumnado por razóns económico-sociais (sexo incluído), algo impropio dunha sociedade madura e democrática. E, por suposto, a educación en valores democráticos, de igualdade e respecto da identidade sexual.

No debe deste proxecto está unha escasa ambición por avaliar a función docente. Como sociedade, debemos trasladarlle ao profesorado a responsabilidade que supón exercer a profesión máis importante, e as esixencias que comporta. E, ademais, o problema de sempre: a incapacidade de todos os actores políticos para aparcaren a loita partidista, coa mira en acadar un mínimo consenso que dea estabilidade a longo prazo ao sistema educativo. Veremos se esta reforma ten capacidade para superar este eterno debate.