A quen lle lembra a gripe porcina?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

NABIL MOUNZER

01 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Así comezou chamándose no 2009 a gripe A. Logo foi gripe aviar, mentres se aludía á idea da gripe española, e por fin explicaron que se trataba dunha cepa resultante da combinación de cousas distintas, e quedou o nome de H1N1, máis aséptico, pero tardío. Cando se xeneralizou, xa odiabamos os porcos e aves de curral, revisaramos nas familias cantos mortos tiñamos por gripe no 18, xa viramos, estalido en bucle e, sobre todo, xa unha chea de xente pasara a perigosísima gripe que demostrara que a fin do mundo viría por unha pandemia bíblica.

Menos mal que, como boa hipocondríaca, palío a irracionalidade con boa memoria, ou se non, estaría agora desabastecendo as farmacias de mascarillas, tan ineficaces contra o covid-19 (o coroavirus xa se chama así) coma imprescindíbeis para a xente que verdadeiramente as precisa. Lembro como, meses despois da alerta, aínda tiña medo ao contaxio cando alguén me contaba que tivera a enfermidade que me levara a facer testamento. De feito, aínda provoco un certo gasto sanitario co trauma.

Agora estas psicoses xa me collen experimentada. Alimentámolas sen saber por que, desoíndo o realismo sanitario e aplicando pautas histéricas para algo que está chamado, segundo os expertos, a facer parte do noso día a día, coma unha chea de enfermidades bastante máis letais coas que convivimos sen parar a pensalo. Así que eu, coma os illados no hotel de Canarias, tamén me preguntaría quen me paga a prolongación das vacacións mentres sigo tomando o sol. E xa asumo con resignación que un día destes collerei o coroavirus porque mo contaxiará unha das miñas fillas, mentres ela goza vendo a tele e eu deliro na cama coa apocalipse zombi.