Vimbios novos para a eólica en Galicia

Xavier Simón Fernández DECOTÍO

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

26 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O espertar da enerxía eólica en Galicia no 2019 é unha boa noticia para avanzar na transición enerxética. Os novos aeroxeradores son menos e máis grandes, capturarán maior «volume» de vento e funcionarán durante máis tempo cada ano. Ese espertar trouxo tamén as deficiencias propias do bum eólico entre 1995 e o 2008. Entre outras: baixa participación das comunidades locais no establecemento dos lugares adecuados para a localización dos parques; uso excesivo da expropiación como mecanismo de acceso á terras eólicas; ausencia de iniciativas comunitarias, e moi baixa participación pública na promoción de parques.

Todo isto ocorreu nun contexto normativo onde prevalece a aposta pola aceleración dos investimentos privados, pola liberalización empresarial no acceso ós recursos eólicos, pola flexibilización dos procedementos de autorización dos parques eólicos e pola ausencia de mecanismos democratizadores da promoción e propiedade dos parques eólicos. Todo moi útil para a transición enerxética pero con moi baixa xustiza enerxética.

Co alento da Fundación Juana de Vega e da Fundación Isla Couto, o Observatorio Eólico de Galicia vén traballando para compatibilizar desenvolvemento enerxético renovable con desenvolvemento rural. A finalidade é favorecer unha transición enerxética que se realice con suficiente xustiza e equidade, mudando as tendencias que ocorreron ata agora. O Observatorio vén de presentar un relatorio onde se enumeran algunhas das medidas necesarias para que iso ocorra.

Sen necesidade de cambios normativos, sería posible destinar a totalidade do recadado polo canon eólico a melloras na contorna dos parques, tanto mediante programas ós que poden acceder -como agora, os concellos- as comunidades locais dos concellos onde se sitúan os parques eólicos. O Goberno galego debería favorecer a existencia dun contrato tipo a modo de boa práctica a desenvolver polas empresas promotoras de parques. O incremento da transparencia mediante a creación dunha base pública de información sobre prezos alcanzados na negociación entre as partes que participan na promoción eólica melloraría a equidade final.

O Oega propón unha serie de modificacións normativas que axudarían a obter solucións finais con ese maior carácter equitativo. Entre elas, apostar polo deseño de figuras específicas para o fomento de parques comunitarios onde os axentes rurais (comunidades de montes veciñais en man común, cooperativas, pequenas empresas rurais, propietarios de terreos, etcétera) teñan facilidades para ser promotores de parques eólicos. En segundo lugar, cómpre recuperar a obriga legal de xustificar os motivos polos que non se chegou a acordos entre propietarios de terreos e promotores eólicos e se inicia un procedemento expropiatorio. E a declaración de utilidade pública debería requirir unha causa de forza maior para o «non acordo». En terceiro lugar, cambiar o deseño do canon eólico e do fondo de compensación ambiental para facelo pivotar sobre a potencia instalada e non sobre o número de aeroxeradores. En cuarto lugar, poderíase fixar a obriga legal de ofertar participación no capital social das empresas eólicas ata un máximo de capital (20 %, por exemplo) á veciñanza que se sitúa na contorna. A norma debería fixar protocolos de intercambio de información entre os promotores e os actores locais para que se maximice o impacto na economía local nas fases de construción e de operación.

Resulta posible alcanzar a transición enerxética con maior participación das comunidades locais, contribuíndo a superar as limitacións estruturais que predominan no medio rural e apostando por maior xustiza social e enerxética. Novos vimbios que empurren os ventos noutra dirección.

Se traballa para favorecer unha transición enerxética que se realice con suficiente xustiza e equidade, mudando as tendencias que ocorreron ata agora