Medrar na guerra

Antón Riveiro Coello
Antón Riveiro Coello O ESPOLÓN CARTAS AL DIRECTOR

OPINIÓN

- / Rojava Information Centre

25 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No documental For Sama, unha xornalista e mais un médico coñécense, casan e teñen unha filla dentro da guerra de Siria. El improvisa un hospital para axudar os feridos e ela grava os horrores durante cinco anos, documentando o seu propio embarazo e a medra da nena até que se ven na obriga de abandonar a cidade, talvez para sempre. A testemuña, tan dura como necesaria, é un acto de amor á filla e ao seu país devastado. A intimidade do enfoque é a que nos fai arrepiar igual ca ese pai que estes días fixo viral un vídeo onde xoga coa súa nena de catro anos convertendo o ruído das bombas nun xogo para lle esconxurar o terror.

A estas alturas, ninguén dubida de que a guerra de Siria sexa unha traxedia mundial, que nos afecta a todos e nos pon diante do espello dunha complicidade insoportable porque as vítimas máis dolorosas son as dos nenos. Durante todos estes anos de guerra siria, o réxime aproveitou a trampa para continuar a súa escalada de terror cualificando a todos os rebeldes como elementos terroristas. Esta consideración abriulle a porta a actuar coma se todo o que houbese nas cidades fose unha masa terrorista, esquecendo que na súa meirande parte están cheas de civís, atrapados pola desesperación e a dor de veren como a crueldade non repara en nada e mesmo lles apaña a vida a miles de nenos inocentes. Este marco da guerra contra o terrorismo, veulle ao xeito ao goberno sirio, non só para difamar o activismo e apagar a revolución, senón tamén para branquear os seus crimes e gañar unha guerra que, sospeito, se volverá na súa contra, porque detrás das cifras dos mortos hai familias e rostros de nenos que nunca esquecerán e descansarán na esperanza o seu último acto revolucionario.