Hai que conseguir nenos como sexa

Celso Currás
celso currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

24 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estase a iniciar o proceso ordinario de escolarización, que volve ocasionar un fenómeno inaudito: moitos colexios públicos están a buscar alumnos, cando isto era propio dos privados. A razón é o espectacular descenso de poboación, que deixa baleiras as aulas e causa graves prexuízos aos centros e aos docentes. Teñen que suprimirse prazas e quedan infrautilizados os edificios, co conseguinte desbalde de gasto corrente. 

A maior parte dos colexios dos concellos rurais de Galicia foron construídos na década dos setenta do pasado século, en aplicación da Lei Xeral de Educación. Contaban, como mínimo, coas oito aulas correspondentes á EXB, ademais das de preescolar, locais para actividades específicas e incluso instalacións de comedor. Daquela, as clases estaban tan cheas que o desexo dos mestres era que diminuísen. Hoxe é ao revés, pois a pesar de terse adaptado edificios para acoller a ESO, foron desaparecendo unidades e, en moitos casos, xa hai refundidos cursos, con matrículas que apenas superan a ducia de alumnos. Galicia ten unha relación media de 10,3 alumnos por profesor, a máis baixa de España.

Quen nos ía dicir que volveríamos ás vellas escolas unitarias, nas que se escolarizaban alumnos de tódolos cursos! De seguir así, isto non tardará en ocorrer, aínda que coa vantaxe de que agora hai varios mestres especialistas que apoian o labor do titor. En canto aos edificios, tendo en conta a precaria situación económica dos concellos rurais, non nos estrañaría que se renunciase aos meirandes e se construísen outros menores, ou mesmo se volvese ás vellas escolas, moitas das cales xa están a ser utilizadas para centros de educación infantil.

No contorno urbano hai máis posibilidades de elección de centro, pero nótase tamén un constante descenso de alumnos. Agás nos poucos concellos nos que a poboación está a medrar, os colexios ou institutos de maior demanda contan cada ano con máis prazas libres, e os menos solicitados perden matrícula de xeito moi acusado. A este ritmo, en pouco tempo tódolos pais conseguirán ter aos fillos nos centros que desexan, aínda que isto vai dar lugar ao peche dos que teñan baixa demanda, pois a posibilidade de acadar un equilibrio é inviable coa actual normativa.

Soster o actual sistema educativo é moi custoso e en Galicia aínda máis, debido á grave crise demográfica e á dispersión da poboación. Se temos en conta, ademais, que somos unha das comunidades con menos inmigrantes, algo haberá que facer, con urxencia, para conseguir máis nenos.