Krugman e os zombies

Francisco Castro
francisco castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Fernando Villar

24 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando alguén recibe o Premio Nobel recibe tamén unha especie de selo de calidade diante do resto da humanidade, de tal xeito que parece que esa persoa, porque é un nobel, xa o que diga ten moito sentido porque sae da boca dun Sabio. Como idea é dabondo estúpida, pois teñen existido premios nobeles de moi dubidosa calidade moral. Non imos dar nomes, que algún nos tocou de preto. Pero é así. Eu son unha persoa con defectos e se me dan o Nobel de Literatura (escribindo en galego, he, he, he…) non teño por que ser, de súpeto, virtuoso ou acertado nas miñas conclusións. 

Todo isto a conta de que estes días estivo por España Paul Krugman, Premio Nobel de Economía, facendo moitas entrevistas e falando de moitas cousas, entre outras, da economía de España, e dicindo, por exemplo, que cando se empezou a falar de que o país estaba case que a piques do rescate, pois que non era certo. Pero que se aproveitou para reducir salarios, despedir xente e, coa escusa da crise, provocar unha angustia innecesaria ás clases traballadoras.

E para dicir tamén, por exemplo, que é necesario que se suban os salarios, que hai marxe para facelo, que non é certo que non se poida facer. Usa, de feito, a expresión «empoderar aos traballadores», para, precisamente, que a economía poida rexurdir. E para dicir que hai que lle poñer freo ás portas xiratorias porque a existencia deses chupes na empresa privada para os políticos quere dicir que eses políticos van lexislar a prol desas empresas, que logo lles darán unha cadeira nos seus consellos de administración. E para dicir que hai que crear unha banca pública forte que garanta os servizos básicos aos que todo o mundo ten dereito, que a dignidade das persoas non pode estar á mercé dos bambeos dos mercados, da bolsa, da especulación dos que bambean, mercadean e especulan dende as súas piscinas climatizadas. E para dicir que hai que obrigar aos ricos a pagar máis impostos, e machucar menos á xente normal. E para dicir que ou tomamos en serio a emerxencia climática ou o que vai vir é a extinción da civilización.