Moi acompañados na galaxia

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA CARTA AL DIRECTOR

OPINIÓN

José Manuel Casal

16 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Quiénes somos?» Pois «unha formación política de centro reformista ao servizo dos intereses xerais», que defende a dignidade e os dereitos e liberdades da persoa; realista e centrada nos problemas das familias; demócrata e defensora do pluralismo como base da convivencia en liberdade, e por iso mesmo da vixente Constitución; que propugna a eficiencia, a calidade e a transparencia na prestación dos servizos públicos; que promove a igualdade de oportunidades a través dunha economía de mercado sostible e a solidariedade territorial e persoal; autonomista e europeísta; e que procura o respecto ao medio ambiente e a súa sustentabilidade. Así se recolle nos Estatutos do Partido Popular: a gran forza liberal conservadora e reformista da España contemporánea.

«¿De dónde venimos?» Co final da Ditadura e o inicio da Transición, floreceron os partidos políticos. A maioría, de vida efémera. Entre eles, un chamado Reforma Democrática, que reunía a personalidades reformistas do réxime franquista con outras da «dereita civilizada», que é como entón se chamaba aos demócrata-cristiáns e liberais antifranquistas (Félix Pastor, José María Ruiz Gallardón…). En 1976 proclama a súa vontade de integrar nunha única forza política ao centro reformista, e unha vez acadada a democracia, de ser a forza equilibradora do sistema de partidos español desde o centro dereita. Aquela pequena formación, entón virulentamente atacada polo búnker franquista, amalgamada pola ideoloxía liberal-conservadora e reformista e o liderado de Manuel Fraga, evolucionou nunha única dirección: soltar «lastre» pola dereita; e gañalo polo centro liberal. Así foi ao aprobarse a Constitución, co abandono dos que votaron en contra (como Gonzalo Fernández de la Mora) do texto avaliado por Fraga. Así foi coa formación da Coalición Democrática á que se incorporaron os primeiros democratacristiáns e liberais (Areilza, Senillosa); quedou claro tras o golpe de Tejero e a indubidable participación de AP nas manifestacións de apoio á democracia. Así foi no decidido apoio ao Estatuto de Autonomía de Galicia, fronte ao intento de paralización, pola UCD e precisamente en Galicia, do desenvolvemento do Estado das Autonomías. E, posteriormente, coa Coalición Popular, que xuntou nunha única forza aos partidos de inspiración liberal-conservadora e demócrata-cristiá (Segurado, Alzaga); á que seguiu o ingreso no Partido Popular Europeo, da man de Marcelino Oreja. Rematando coa refundación do que aínda se chama Partido Popular e é a gran forza liberal conservadora e reformista da España do século XXI.

«¿A dónde vamos?» Son tempos de fondos cambios sociais, tecnolóxicos e económicos. E por tanto, novos son os retos que temos que afrontar: Reformularnos desde a xestión pública con gobernos multinivel e desde a xestión empresarial, como deben ser as relacións laborais nun mundo hipertecnolóxico e globalizado, que establece novas pautas de distribución da renda (e por tanto demanda outra redistribución da riqueza). Como afrontar a necesaria solidariedade interxeracional ante as novas formas de convivencia familiar. Como facer que o planeta continúe a ser un lugar habitable e sostible, ao tempo que a xente nova ten oportunidades de realizarse persoal e profesionalmente nun entorno respectuoso cos seus dereitos fundamentais, ante a emerxencia de novas ameazas ao seu futuro, a súa liberdade e a súa intimidade. Sabemos quen somos. De onde vimos (e que lastre soltamos). E como e cara onde vamos. Seguros de que na galaxia da competencia electoral, e moi especialmente en Galicia, non estamos sós. Estamos moito e moi ben acompañados.