Humildade, afouteza, intelixencia e sensibilidade

Xosé H. Vázquez CATEDRÁTICO DE ORGANIZACIÓN DE EMPRESAS. ECOBAS UNIVERSIDADE DE VIGO.

OPINIÓN

16 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia debe fuxir dunha concepción rexional que a sitúe como mero brazo administrativo do Estado nas políticas de gasto para converterse nun polo de competitividade global. A perda de peso do sector industrial reflicte o contrario.

Os cidadáns esíxenlle ao Goberno que aposte por sectores e empresas, ben para «seleccionar gañadores» ou «salvar perdedores». Aínda que probablemente esta política é a que menos conflitos xera ao repartir o apoio público entre moitos grupos de presión, a verdade é que non nos está a levar moi lonxe. A política industrial require humildade, afouteza, intelixencia e sensibilidade.

Require humildade porque, en contraste coa facilidade con que todos escollemos empresas e sectores «de futuro» na barra dunha cafetería, de feito é un exercicio complexo. Se fose polos cartos que moitos países teñen investido en «sectores gañadores», o mundo estaría cheo de Silicon Valleys. O Goberno debe levar o timón; deixemos que os axentes económicos e sociais remen.

A política industrial require tamén de afouteza, porque é necesario abstraerse das presións de distintos lobbies que, baixo a escusa da transformación estrutural (transvase do emprego cara actividades novas), en realidade so procuran influír para beneficiar os seus propios intereses. Os nosos sectores e empresas loitan por denominarse «estratéxicos» en todos os plans e informes porque saben o que está en xogo no marco actual.

Terceiro: a política industrial require intelixencia para acompañar as iniciativas de cambio estrutural con reformas institucionais que configuren unhas «regras de xogo» estables e eficientes en ámbitos como a formación, o financiamento, os trámites burocráticos, o funcionamento do mercado de emprendedores e directivos, os pactos sociais... Estas «regras de xogo» son clave (observemos o Norte de Portugal) para rachar coas barreiras ao crecemento e estimular a produtividade.

Por último, nin a humildade, nin a afouteza, nin a intelixencia son moi útiles se os deseñadores de políticas públicas esquecen a sensibilidade necesaria para responder a uns cidadáns que non desexan exactamente unha Industria 4.0, senón sobre todo unha Sociedade 5.0 inclusiva e medioambientalmente responsable. Confundir os fins cos medios impide observar que as nosas capacidades configuran un modelo industrial ideal para alcanzar os resultados que estamos alcanzando. Se os axentes económicos e sociais galegos desexan mellores resultados, non é suficiente con espremer máis o mesmo modelo.