Adiviñen quen cose esta noite


Mentres non toca o timbre, non se fala doutra cousa. E non, non é nin a lei da eutanasia, nin a gripe, nin sequera a interrupción da baixa de maternidade de Ana Pontón coa que nos sentimos tan identificadas. Todo iso pasou a un segundo plano nas vidas destas mulleres estresadas a golpe das 9 da mañá. Agora mesmo o único verdadeiramente relevante na porta do colexio é o disfrace.

Estamos nun sinvivir de foam, cintas autoadhesivas e dúbidas no grupo de wasap. Pódeselle pasar o ferro? Botóns ou corchetes? O primor é obriga. Patróns calculados con apps que fan a tanxente para as cinturas, fíos que non rompen, máquinas de coser que circulan no mercado negro, retallos que se reciclan entre irmáns coma se protagonizásemos El tiempo entre costuras. E por fin, encabúxome, frústrome e solto a bomba: «Algún pai vai facer o disfrace?» Silencio sepulcral, quizais culpábel. Será a de xastre unha profesión tipicamente masculina, pero parece que as mulleres nacemos cun kit de costura implantado na vaxina. É albiscarse o entroido por tras do día de Reis, e botámonos todas a unha necesidade atávica de ser a mellor costureira dos disfraces que encargan nos colexios, tan igualitarios e feministas, si, pero que non se preocupan nada de se esa actividade (dubidosamente educativa, permítanme dicilo) recae inxusta e maioritariamente sobre as proxenitoras. Sería tan fácil como escribir na notiña do recado algo así como: «Animamos a que sexan os pais quen asuman a iniciativa da confección deste disfrace». Ilusa que son. Unha vez máis, as mulleres, dámos ese triste exemplo ás nosas fillas: encargámonos nosoutras para que a perfección nos consuma mentres eles comen as filloas despois do desfile.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Adiviñen quen cose esta noite