Novo coronavirus: alertados, non alarmados


Nestas últimas semanas todos temos escoitado do abrocho que está a suceder en China, principalmente en Hubei, polo novo coronavirus, xa oficialmente bautizado como COVID-19, e que deu lugar a unha declaración de Emerxencia Sanitaria de Importancia Internacional por parte da OMS. Que sabemos e que evolución podemos esperar deste abrocho nas próximas semanas?

O que sabemos: o novo virus, COVID-19, xa está totalmente secuenciado o que facilita que múltiples grupos de investigación poidan traballar estudando fármacos posibles candidatos a tratamentos e futuras vacinas. Que o número de casos a que pode dar lugar un afectado non é moi elevado, as investigacións realizadas falan de números parecidos aos da gripe (entre 2 e 5,6), moi inferiores a outros axentes infecciosos. Que se transmite entre persoas a través do contacto con secrecións do paciente ou polas gotiñas que produce ao tusir ou esbirrar estando a menos de 2 metros do paciente. Se o virus infecta a unha persoa o tempo que tardan en aparecer os primeiros síntomas oscila entre 2 e 14 días, aínda que a maioría aparecen antes dos 10. Parece que un infectado só transmite o virus a partir do momento que presenta síntomas. Provoca sintomatoloxía de enfermidade respiratoria aguda leve (febre, tose, malestar xeral) na maioría dos casos, pero ata un 15% dos casos poden presentar un cadro que precisa ingreso por una afectación respiratoria máis grave. A porcentaxe de mortalidade estímase que está ao redor do 2%, que é moi parecida a da gripe, aínda que é un dato provisional que pode variar.

Estes datos conforman o coñecemento actual, e permiten por un lado que China estea a traballar para conter o abrocho, e polo outro, que o resto de países o fagan para evitar que, de importar algún caso, poida establecerse. De momento o abrocho non se pode dar por contido en China, temos que esperar pola evolución dos datos nestas próximas semanas, e mentres o resto de países empregan armas que son as clásicas medidas de saúde pública encamiñadas a impedir a transmisión do virus entre a poboación e dentro dos centros sanitarios que atenden aos casos. Polo tanto, no noso medio, é importante que os viaxeiros que procedan da área de risco de COVID-19 fagan caso das recomendacións das autoridades sanitarias e que os casos posibles se detecten precozmente para implantar canto antes as medidas de control, xa que isto baixa o risco de expansión fóra de China

Por Xurxo Hervada Vidal Subdirector xeral de información sobre saúde e epidemioloxía

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Novo coronavirus: alertados, non alarmados