Optimismo Trump

OPINIÓN

TOM BRENNER

14 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Trump di que o coronavirus, ou mellor dito, o COVID-19, seica vai desaparecer no mes de abril por culpa da calor. Supoño que o presidente americano estará ben informado ou tal vez sexa un chisco optimista porque hai moita xente que ten unha visión máis negativa do asunto e albisca un futuro catastrófico. Como non teño nin idea de se a cousa vai parar ou non, prefiro amarrarme ás palabras de Trump, porque eu tamén son un optimista militante de pensamentos positivos. Ademais, como dicía Churchill, que tiña máis cabeza que o americano, o pesimista ve atrancos en cada oportunidade, e o optimista oportunidades en cadanseu atranco. Lembro a historia dun home que perdeu un ollo na guerra e, cando volveu á casa, todo o mundo se compadecía pola súa desgraza. Pero el, que tamén tiña unha visión optimista da vida, dáballe a volta ao accidente e gustaba de dicir que non perdera un ollo senón que tivera a sorte de conservar o outro. Encántanme este tipo de persoas que, malia teren vidas cargadas de perdas, desgrazas e frustracións, son quen de ver a dor coma unha aprendizaxe e dotar de sentido a súa existencia para tiraren para adiante. Recoñezo que un exceso de optimismo que non se apoie na intelixencia pode xerar certa distorsión da realidade e virar contra nós deixándonos nun espazo máis que pesimista. Con todo, o optimismo, non sei se alonga a vida, como din algúns estudos, o que é certo é que a fai máis levadeira. Por iso, desta volta vou poñer creto nos agoiros de Trump, que son tan optimistas coma os dunha coñecida que, sempre que se cruza cun coche da policía e non a paran, entende que vén de aforrar os cartos da multa. E o curioso é que leva conta de todo o aforrado. Un diñeiral.