Máis tempo de Educación Física nos coles?

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

12 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta de Galicia, como están a facer outros Gobernos autonómicos, estuda a posibilidade de ampliar o horario de Educación Física, no caso de que a Administración do Estado non o faga no proxecto anunciado de reforma educativa. Coincide esta proposta coa recomendación feita hai anos polo Parlamento Europeo, de que en primaria e secundaria deben impartirse polo menos tres horas semanais desta materia, que no currículo español so conta con dúas. Preténdese que os alumnos fagan máis exercicio, tendo en conta que Galicia segue a rexistrar unha das taxas máis altas de sobrepeso e obesidade, tanto de España como de Europa. Un de cada tres rapaces, de 5 a 16 anos, padece estes excesos.

A Xunta ten previsto ademais reforzar os hábitos saudables nos centros docentes, incluso coa creación duna nova materia de libre configuración. Son medidas importantes, pero como dixo Torsten Husén: a reforma da educación non pode substituír á reforma da sociedade. Unha vez máis a Administración pública ten que tratar de sacarlle as castañas do forno ás familias, pois a orixe da carencia destes hábitos está no fogar. Son tres as causas. A primeira, porque non se fomenta unha alimentación racional desde o berce e o neno acostúmase a comer o que quere, con abuso de azucres e graxas. O desequilibrio entre inxestión e gasto calórico é cada vez maior, ata que chega a un punto de moi difícil solución.

A segunda, porque se permite aos rapaces pasar horas e horas absortos e inmóbiles diante das pantallas, o que consolida uns hábitos sedentarios moi prexudiciais para a saúde e mesmo para éxito escolar. O exercicio físico potencia o rendemento intelectual, pois aporta máis osíxeno ao cerebro e incrementa as endorfinas. A terceira razón é que o xogo que practican os nenos non contribúe a paliar esta situación, pois está centrado tamén nas novas tecnoloxías.

Aínda así, sexa benvido o incremento de horas dedicadas á actividade física nos centros docentes, pois será a única que realicen máis da metade dos alumnos. O problema vai estar na decisión de que materia ou materias terán que reducir o seu horario para permitir o aumento da Educación Física. Non parece probable que se amplíe o tempo total de docencia, porque o noso país atópase nos primeiros lugares en canto a carga horaria. Polo que se refire aos períodos de recreo, debería fomentarse que os rapaces practiquen xogos que esixan importante desgaste físico, pero sempre en liberdade, dada a importancia deste tempo de ocio e de socialización.