Investir no entroido

OPINIÓN

11 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En Xinzo xa hai días que comezou o máis longo dos entroidos e, talvez, un no que máis invisten as familias. Non só en comida senón en todo tipo de disfraces, campás, capas, carautas e teas de todas as cores. É certo que esta festa tamén deixa o seu agosto na vila, pero a alegría coa que se tiran os cartos ten algo de xenerosidade colectiva que contribúe a crear o ben inmaterial do entroido. Na nosa casa hai armarios cheos de disfraces que vestiron a varias xeracións e agachan horas e horas de costura. Hai mesmo xente que se presta a ser collida polas pantallas e pagar un viño. Nese desprendemento vénme á cabeza o Zalo Peláez, un dos personaxes máis entroideiros da vila, que deixou o seu espírito na festa para sempre. O seu fillo contoume que o pai batera cun francés que ía camiño de Compostela e seica o convidou a parar na nosa vila, explicándolle que aquí podía beber viño de balde, iso si, coa condición de que había que levar pendurada do pescozo unha verza e entrar nos locais berrando «bosta de vaca», a xeito de saúdo. Evidentemente, o propio Peláez xa apalabrara cos taberneiros a broma e quedara despois en que sufragaría os gastos ocasionados. O forasteiro, que non debía de andar sobrado de cartos, quixo poñer creto á historia e probou, con éxito, na primeira taberna. Axiña se foi animando porque as cuncas de branco lle avecían e tamén porque todo aquilo era gratis. E, malia que lle estrañaba que ninguén usase o método da verza, el seguiu ao seu, pensando que aquilo talvez fose unha tradición local. Como o forasteiro era moi bebedor, a broma saíulle cara ao amigo Peláez, pero o investimento pagou a pena porque o francés seica segue a vir todos os anos ao entroido, iso si, con verza e pagando.