Agresividade diaria

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

11 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As formas teñen importancia, son a imaxe da educación. Un pode discrepar, obviamente, pero amosar discordia de maneira elegante é máis efectivo ca descualificar sen máis. Sinto o alento da agresividade de maneira constante en calquera ámbito. Para comezar, a política, cos continuos exabruptos, leas dialécticas, desacreditacións, aldraxes, ofensas...

No discurso do estado da Unión, Trump negoulle o saúdo (non lle apertou a man ofrecida) á presidenta da Cámara de Representantes, Nancy Pelosi, por lideraren ideas políticas diferentes. Foi desagradable, un feito ostentoso ante o público asistente a un acto relevante. Ela non puido evitar un xesto de sorpresa, pero mantivo o sorriso, que foi tornando un xesto ríxido produto da tensión e nerviosismo que estaba a vivir. Como resposta, outro xesto pouco elegante: ao finalizar o discurso, ela rachou a copia do mesmo que lle entregara despectivamente Trump. Son escenas de desprezo.

Pero esta agresividade parece que nos reborda a todos. Mentres circulamos polas rúas é habitual escoitar increparse entre condutores e peóns. Tamén observo desdén cara a clientes ou usuarios desde a protección dos mostradores.

Pero ata a cultura se está contaxiando disto. E ata aquí podiamos chegar, que a cultura sexa un espazo de loita e refrega. Claro que é un escenario idóneo para a reivindicación, pero con xeito. Berrar non implica ter razón. Cuestionar perversamente o traballo dos demais non loa nin enxalza o noso. Falar sen escoitar non serve de nada.