Galicia, Galicia, Galicia

Alfonso Rueda TRIBUNA

OPINIÓN

10 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ser un goberno serio e rigoroso ten as súas complicacións. Na Xunta de Galicia non nos gustan nin o fume nin as palabras ocas. Somos máis de feitos que doutra cousa, e iso ás veces ten mala venda. Por dicilo doutro modo: loce máis un titular chamativo que un estudo minucioso. A cuestión é que, para nós, non hai titulares sen un estudo minucioso previo.

Froito dun deses estudos dos que falo, no mes de outubro do ano pasado, antes das eleccións xerais do mes de novembro, o presidente da Xunta fixo un avance das peticións que Galicia quería trasladar ao novo Goberno central independentemente de quen o conformara.

As noticias chegadas desde Madrid nos últimos meses facíannos ser escépticos ante o que pretendíamos que fose unha relación leal, sincera e xusta entre dous administracións. Nin a falta de apoio a empresas nas que traballan miles de galegos, nin o cambio de datas sobre a chegada do AVE, nin a suba das peaxes da AP-9, nin os incumprimentos á hora de devolver cartos que eran de todos invitaban á esperanza.

A análise exhaustiva rematou, e deixa sobre a mesa unha listaxe de peticións. Non é unha listaxe menor. Son 25 puntos que abarcan as infraestruturas pendentes, o apoio aos sectores produtivos, a mellora dos servizos públicos, a colaboración cultural e un financiamento xusto. En definitiva, 25 puntos para que Galicia avance.

Gobernar é priorizar, e nós marcamos as nosas prioridades: por un lado reclamar os 370 millóns que o Estado adebeda a Galicia e que as comunidades autónomas de todo signo político teñen reclamado, primeiro publicamente e agora pola vía xudicial; e, por outro, a transferencia da titularidade da AP-9, como esixiu de maneira unánime o Parlamento galego.

Avanzar e pechar eses dous puntos significaría que en Madrid existe unha vontade política de chegar a acordos. É certo que non a houbo desde maio de 2018, pero o noso deber é intentalo. Por iso pediremos ao Estado a convocatoria dunha comisión mixta que permita cambiar o rumbo. Nesa comisión Galicia fará oír a súa voz, ao igual que fixo no Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado este venres e que inexplicablemente levaba sen reunirse desde a moción de censura que converteu en presidente a Pedro Sánchez.

Porque aínda que algúns calen e queden sós en silencios que non teñen xustificación, Galicia non vai calar. Nin ante incumprimentos, nin ante pasos en falso, nin ante negacións da realidade. Os galegos non entenderían outra postura pola nosa parte. Explicareino mellor parafraseando a cita do empresario Harold Samuel, quen dicía que hai tres claves para que un negocio prospere: ubicación, ubicación e ubicación. Pois ben, para a Xunta só hai tres claves para que este país teña o que merece: Galicia, Galicia, Galicia.