Mobilizacións agrarias

Francisco Sineiro TRIBUNA

OPINIÓN

Javier Lizón | Efe

07 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai varias causas detrás das mobilizacións agrarias que están a ocorrer estes días en diversos puntos de España. Algunhas son conxunturais, como os baixos prezos existentes nalgunhas producións. Outras son de maior calado, como a perda real de renda, a escasa capacidade de negociación ou as incertezas sobre o futuro

Hai un deterioro da renda agraria porque os custes dos factores de produción están subindo con respecto ao prezo de venda dos produtos agrarios; esta perda de renda só se pode compensar con importantes aumentos no tamaño e continuos investimentos.

Os agricultores senten que o prezo que reciben polos seus produtos non se corresponde co pagado polos consumidores, que queda ben reflectido nun recente estudo do Ministerio de Agricultura. A industria e a distribución quedan coa maior parte do valor final na cadea alimentaria, na que os produtores teñen unha posición de debilidade, tanto por tamaño e dispersión como pola falla de organización e información. Nesta situación, a distribución retén a cota máis elevada do valor e ten a maior capacidade de negociación para fixar os prezos.

Existen tamén incertezas diante dos cambios en curso da Política Agraria Común, con repercusións no importe das axudas e tamén en novas esixencias ambientais para facer fronte aos retos do cambio climático. En definitiva, os agricultores están preocupados pola viabilidade do seu traballo e polas condicións de vida no medio rural e o futuro das súas familias.

Estas mobilizacións coinciden cun momento favorable de comezo da lexislatura e dunha maior sensibilidade polos efectos do declive demográfico nas zonas rurais, que é unha consecuencia directa das menores expectativas económicas e das condicións de vida. Tamén hai dous asuntos principais a abordar e que deberían centrar acordos importantes: mellorar o reparto do valor na cadea alimentaria e a rendibilidade da actividade agraria.

A mellora do reparto do valor require reducir o desequilibrio existente no mercado, favorecendo negociacións de prezos máis equilibradas entre a produción, a industria e a distribución. No caso do leite a normativa está dispoñible coas medidas do chamado paquete lácteo, no que se regulan os contratos negociados entre as organizacións de produtores (OP) e as industrias; na realidade non hai esas negociacións, tanto pola falta de capacidade ou operatividade das OP coma polo interese das industrias en manter un modelo de relacións individuais no que sabe que sempre sae gañando. Por iso é importante centrarse nos factores que limitan as negociacións, como son o tamaño e medios das OP, o respecto á exclusividade na negociación ou a mediación e o apoio das administracións públicas. A experiencia no sector lácteo pode ser a base para ampliar a súa extensión a outras producións.

As melloras nos procesos de negociación entre produtores e industria deben ser complementadas no campo das relacións desta coa distribución. Pode ser útil o modelo francés de negociacións entre a industria e a distribución, que cada ano deben estar finalizadas antes de marzo. Débese completar co control de prácticas comerciais desleais como os «prezos reclamo» e as «vendas a perda».

O segundo asunto é a mellora da rendibilidade e viabilidade futura das explotacións, que depende de factores como as condicións de financiamento dos investimentos, a mellora da eficiencia produtiva, o relevo xeracional e a prestación de servizos comúns. Pero destacaría, por ter especial repercusión en Galicia, as medidas para promover a ampliación da superficie das explotacións, que limita a súa rendibilidade e a adaptación ás novas esixencias ambientais. E neste caso as administracións públicas tamén teñen que ser máis pro activas.