As políticas que afogan o agro

Isabel Vilalba EN VIVO

OPINIÓN

06 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días, nos diferentes territorios do Estado as persoas agricultoras e gandeiras están saíndo masivamente á rúa para denunciar de xeito unánime a situación desesperada pola que está a pasar o sector, en gran medida debido aos prezos ruinosos que se pagan en orixe e á imposibilidade de repercutir as subas dos custos de produción (enerxía, insumos, novas esixencias ambientais, custos sociais...). Á unanimidade neste diagnóstico hai que sumar a frustración pola acción duns gobernos que están a usar o sector como moeda de cambio, negociando tratados comerciais como o de Mercosur, que incrementarían a entrada de carne e doutros alimentos de terceiros países, xunto ao incremento de esixencias e á incerteza do brexit e das negociacións da próxima PAC.

O propio ministro recoñece o mal funcionamento da cadea de valor, pero isto tampouco é nada novo, e en Galicia sabémolo ben. A directiva comunitaria de prácticas desleais na cadea alimentaria e a propia lei da cadea alimentaria española nacían, en teoría, co fin de protexer á parte máis débil da mesma, o sector produtor, e eliminar prácticas abusivas. Na práctica, e despois de moitas reunións, declaracións de intencións e fotografías para a galería, nunca chegaron a desenvolverse fórmulas que implicasen ningún avance para garantir a marxe das persoas produtoras. Coa escusa da lexislación de competencia, o Goberno permitiu que houbese cárteles como o do sector lácteo, que operaron con total impunidade máis de dez anos sen que ata o momento o sector recibise ningunha reparación, impagos por parte de moitas industrias ou adegas, prezos que estaban claramente por debaixo dos custos de produción… A contestación do ministro ás mobilizacións resulta bastante timorata e decepcionante, pois limítase a anunciar unha convocatoria urxente do Observatorio de Prezos da Cadea Alimentaria para analizar a formación de prezos -cando se sabe que, con carácter habitual, hai unha diferenza media dun 400 % entre os prezos pagados en orixe e os que se lles cobran ás persoas consumidoras- ou propor que nos contratos figure con carácter obrigatorio o prezo, unha obriga que existe desde hai anos en sectores como o lácteo, e que non nos protexeu de cobrar os prezos máis baixos do Estado e de Europa, mesmo en anos como o 2019, no que as industrias están a recoñecer que foi para elas un período histórico en canto a beneficios.

Pola contra, noutros lugares como Francia deben xogar noutra liga, pois xa no 2018 aprobouse a lei para o equilibrio das relacións comerciais no sector agrario. A lei introducía a posibilidade de establecer prezos de referencia por parte das organizacións interprofesionais, con prezos de referencia mínimos e unha parte garantida para remunerar o traballo. As políticas neoliberais, que pretenden obter cantidades enormes de materias primas a prezos ruinosos, están afogando o sector, acabando co medio rural e eliminando a posibilidade de que unha agricultura e unha gandaría verdadeiramente sostibles acheguen os alimentos saudables e de calidade que a sociedade precisa. E nós preguntámonos: por que en Francia se pode lexislar para garantir a marxe das persoas produtoras e no Estado español non? Por que o Goberno segue sen comprometerse con solucións reais para o sector?