Concepción Arenal e outras galegas

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

04 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Levo escoitando falar de Concepción Arenal a todo o mundo dende que era neno. Faláronme na casa, os meus mestres e as miñas profesoras, mesmo estudei nun centro que leva o seu nome. Galicia e España están cheas de rúas e estatuas que a lembran. A todos nos contaron sempre cousas dela, que tivo que ir ás aulas de Dereito vestida de home, que abriu camiños ás mulleres cando estaban choídos, que se preocupou polos que non tiñan nada e polos presos e as presas que perderan ata a liberdade. De todos os recordos que acumulei sobre ela quedei cunha sentenza que me parece definitiva: «Odia o delito e compadece ao delincuente». Ela era ao cabo e sobre todo unha muller xurista, e nada define mellor que esa frase unha sociedade na que paga a pena vivir conforme á lei.

Sempre me preguntei como puido lembrarse tanto a Concepción Arenal (1820-1893) e á vez esquecerse tanto a súa pegada humanista, civilizada e feminista no Dereito e na cultura xurídica española que coñecemos. Estes días tiven algunha resposta. O acto de reubicación do seu busto en Santiago foi unha oportunidade para lembrar que despois do triunfo dos golpistas na guerra a súa escultura foi retirada e agochada ata ben avanzada a democracia. Outra, a conferencia de Manuela Carmena na Facultade de Dereito de Santiago, quen recoñeceu que non soubo do seu libro El visitador del preso ata 1989, sendo xa maxistrada de vixilancia penitenciaria, a través dun compañeiro que lle regalou un exemplar atopado nunha librería de vello. Quero isto dicir que nin na facultade, nin na preparación para xuíza, nin en sucesivos cursos profesionais ninguén nunca lle presentara a cultura xurídica que representou Concepción Arenal. As dúas historias son complementarias. O curioso é que a forza do que ela foi seguise presente no nome de tantas rúas, nas estatuas, na memoria escolar e popular pese ao franquismo tela erradicado da cultura xurídica.

Naceu hai douscentos anos e ao longo deste ano repetirase unha idea profundamente errada que a evocará como unha muller adiantada ao seu tempo. Un espellismo típico do presente que non coñece nin recoñece o pasado na súa complexidade, nin o que os malos tempos poden facer co bos pasados. Precisamente Concepción Arenal é unha viva representación do seu tempo. Avanzada no seu liberalismo fronte aos reaccionarios e os carlistas, e na súa relixiosidade humanista fronte ao catolicismo integrista de Pío IX. Pero sobre todo na súa reivindicación feminista, na que estivo tan acompañada por outras ferroláns, coruñesas e algunha compostelá e viguesa. O seu feminismo popular era pouco elitista. Tiña moito que ver coas correntes europeas emancipadoras e coa experiencia das mulleres traballadoras e labregas ao seu carón: peixeiras das lonxas, operarias das conserveiras, cigarreiras reivindicativas ou milleiros de leiteiras e vendedoras que enchían os recunchos das cidades galegas nos días de mercado. Mirounas ademais de velas. Cansa moito o empeño alecionador dos que teiman na correcta vía, no pasado e no presente, e poñen chatas a Arenal, nun empeño que acaba resultando tan repunante e tan pouco acolledor! Foi galega de nación e é nosa por reivindicación.