Ortega Rambo Smith

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR

OPINIÓN

Jesús Hellín | Europa Press

03 feb 2020 . Actualizado a las 10:03 h.

Estes días estendeuse moito polas redes sociais un vídeo de Ortega Smith cun fusil de asalto das Forzas Armadas españolas, nunha instalación do Exército, pegando tiros. Concretamente, once tiros. No vídeo vémolo presumindo de puntería, e dicindo -cito literalmente as súas palabras-: «Este es un hijo de puta del Daesh, que había que cargárselo». Palabra de deputado. De dirixente dunha importante forza política española que se supón con cabeciña. Todo un exemplo do que non hai que facer. Ou, se se quere, todo un exemplo de como provocar calquera clase de desastre. Que necesidade había? Ningunha. Esa frase non pode traer nada bo. Tampouco creo que lle preocupe. 

Non me vou meter a preguntar como pode ser que un deputado estea nunhas instalacións do Exército español (concretamente a Brigada Paracaidista de Javalí Nuevo, en Murcia), nin como é posible que o Exército español poña nas mans dun cidadán un fusil de asalto (en concreto un HK G36 de calibre 5,56 milímetros). Non sei se é unha práctica habitual, pero, se é así, eu podo probar? Eu, que me declarei obxector de conciencia e que non quero saber nada das armas, aínda así podo ir a un campamento, ou brigada, ou destacamento, ou como se chame, e pedir, eu que sei, un lanzagranadas, e pegar uns tiros, así, por pasar o tempo un domingo pola tarde? Se é así, xenial, díganme onde se dá a vez.

Pero se non é así imaxino que alguén estará xa facendo algunha clase de investigación. Porque, ata onde eu sei, a regulamentación que hai sobre o asunto prohibe, dende o ano 1993, que os civís usen, en calquera circunstancia, armas de guerra. No vídeo hai un par de militares que, dende logo, coñecen a lexislación. Pero están alí, cómplices e felices.