O insomnio dos vicepresidentes

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

03 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os vicepresidentes, vicerreitores e vicealmirantes existen na medida en que nunca serán o importante, así que se consolan co soño da substitución en caso de emerxencia. En cambio, un subdirector, un subsecretario ou un submarino son só entes que están por baixo de algo nunha estrutura, pero poden ascender. Ademais, condenados como están todos os vice a ser ex nalgún momento, procede ese prefixo que, a diferenza de sub-, é pronunciábel ao pé da partícula do divorcio.

Hai moitos vicepresidentes que naceron sendo exvicepresidentes e sempre foron felices. Souberon entender que ser vice é, en si, un sentido vital. Pero outros nunca encaixaron o trauma de viviren nunha escaleira construída cun chanzo de menos. Entre estes últimos é exemplar Alfonso Guerra, cuxo apelido xa apuntaba maneiras en plena poltrona vicepresidencial. Polo visto agora prodúcelle insomnio Pablo Iglesias, que, por primeira vez na historia de España, ameaza con romper a imposibilidade de chegar a presidente só polo feito de non deberse á disciplina dun partido que non é o seu. Todos os vicepresidentes anteriores, claro, están en shock. E non para aí a teima antivicepresidencial de Guerra, que tamén considera que só un antropólogo podería visitar ao presidente Torra. E eu, que nunca presidín nada, pero vicepresido varias cousas, creo que fala pola pupa de saber que Torra chegou a presidente porque nunca foi vice nada.

Non sei que sería de nós sen o insomnio dos vicepresidentes e a súa maneira de espernexar cando o poder lles dá as costas e só lles queda predicar sobre cousas que carecen de importancia. Menos mal que sempre haberá quen lles poña diante un micro magnificando parvadas.