Cazadores miopes e políticos cegos ceban o xabaril

Roberto García

OPINIÓN

UCLM

31 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Este pasado mércores, o Parlamento rexeitou en votación a proposición non de lei de iniciativa lexislativa popular sobre os danos do xabaril no rural, que Unións Agrarias presentou a trámite, avalada por 6.400 sinaturas recollidas entre afectados do agro en apenas dúas semanas do mes de setembro do ano 2019.

O Grupo Popular frustrou a oportunidade de empezar a resolver a xestión das mandas de xabaril, que ten provocado perdas anuais de 12 millóns no agro galego e sete accidentes diarios de tráfico nas estradas galegas, por non falar do alto risco de propagación da peste porcina africana, como están a advertir reiteradamente as autoridades europeas de sanidade animal.

Frustrouse tamén a oportunidade que tiña a caza social de reivindicarse ante a sociedade galega como unha ferramenta fundamental para a xestión ordenada da fauna salvaxe, e reivindicarse como uns actores fundamentais da conservación do equilibrio ecolóxico, e como parte da solución dos graves problemas que xera a proliferación desordenada do xabaril no medio ambiente e a nivel social.

UU. AA. pedía na súa proposición non de lei un novo marco normativo que eximira os tecor (terreos cinexeticamente ordenados) e as sociedades de caza da obriga de pagar os danos do xabaril no agro, trasladando esta responsabilidade á Xunta, e que sexa esta quen asuma a responsabilidade de decidir, en base a criterios científicos, cantos xabarís pode haber en cada comarca cinexética para logo decidir as medidas preventivas que executarían os tecor e as sociedades de caza.

Coas notables excepcións da Asociación de Clubs de Caza Maior de Galicia e da Mesa Galega pola Caza, que se sumaron á iniciativa e entenderon a importancia da unidade de acción entre o agro e o mundo da caza, o resto dos cazadores preferiron poñerse de perfil para manter os seus privilexios no ámbito da xestión cinexética, facendo un fraco favor á súa masa social de cazadores.

Visto o resultado da votación, o PPdeG será tamén o responsable de explicar á xente do rural na próxima campaña de danos por que van ter que seguir custeando o 80 % das perdas co seu patrimonio e o das súas familias, e por que van seguir sen tomarse medidas centralizadas dende a Xunta que permitan aos tecor actuar con eficacia cando se dean os danos na súas parcelas. E as elites dirixentes das sociedades de caza que se puxeron á marxe desta iniciativa de Unións Agrarias serán as responsables de explicarlles á súa masa social que van seguir actuando nun marco legal actual, que obriga aos cazadores galegos a facerse cargo dos 12 millóns de euros anuais de perdas por danos que produce o xabaril en Galicia. E que non dubiden de que os produtores irán ao xulgado para reclamalos.