Benedicta I, mira por nós

Ana Abelenda Vázquez
Ana Abelenda ALGO HAY

OPINIÓN

JON NAZCA | Reuters

28 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

E o Goya á Mellor Actriz Revelación foi... para a miña avoa. Para a túa, para as mulleres das que vimos, que alumean Galicia, que habitan en nós como a ferida aberta da submisión, de aceptar as cousas como veñen pola forza da natureza e os costumes do amor. A miña fe é para Benedicta I, que foi sen dentes e con voz á noite xa meiga do cine español. Que non se apague O que arde en nós. Benedicta é unha actriz enorme, bendita na súa contradición. Porque de nena era «a protestanta» da casa, á que rachou o guion adaptado da vida da nai. A que escolleu por patria a liberdade, a que non deu exemplo de docilidade e abnegación. Benedicta fixo e desfixo, non parou. Foi fotógrafa, libreira, montañeira, casou e descasou cando o divorcio aínda non era legal. «Xuntar os trapiños», di, nunca lle gustou. Amante da natureza, fíxose vexetariana cando entendeu que o seu cariño polos animais non casaba coas ansias de touciño, «mesmo cru!». «Cando a muller é muller non hai home que a free», máxima beneditiana para unha revolución. Orgullo galego mundial é ela. É Oliver Laxe, é Amador, é o cine que amosa o que arde en nós. O lume da Benedicta real contén o segredo desoutra que brilla na pantalla como o amor maternal. «Para min Galicia foi, máis que unha nai, unha madrasta», díxome unha vez Benedicta, que interpreta como ninguén á muller que nunca foi.