Unha bomba de reloxería

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

26 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Oprincipal factor de estabilidade social na Europa da posguerra (case que poderiamos dicir que en Occidente) coincide co desenvolvemento e estabilidade da chamada clase media, ou clases medias, segundo outras apreciacións, que distinguen diferentes niveis dentro deste segmento da sociedade. Non é cousa de entrar aquí nestas distincións, que os profesores de ciencia política e de socioloxía saben explicar moi ben, e mesmo que o cidadán común entende perfectamente, ás veces intuitivamente. A estabilidade da clase media, que se reafirma en Europa a partir de 1945, coincide coas políticas keynesianas e o chamado estado do benestar. En termos acaso un algo simples, pois nada é branco e negro, senón que nos movemos na gama dos grises, trátase de repartir a riqueza dende as políticas democráticas do estado para manter equilibrada a distancia entre os máis ricos e os máis pobres, entre as clases altas e as clases baixas, investindo recursos públicos no desenvolvemento económico, cubrindo as necesidades dos máis febles e potenciando ese segmento intermedio que, como vén demostrando a historia dende a segunda metade do século XX polo menos, é un dos grandes alicerces do sistema democrático.

A desigualdade social, a fenda que se abre (e que se agranda) entre os máis ricos e os máis pobres, é un gran desafío e, asemade, o máis grande risco para a estabilidade democrática nestes momentos. Isto serve para os individuos e para os grupos sociais, mesmo para os territorios. Canto máis grande é a fenda, maior é a inestabilidade. Non debemos esquecer esta cuestión, que afecta a cidadanía e as familias no plano económico, no educativo (formación de capital humano), recursos dispoñibles, infraestruturas, capacidade de consumo, etcétera. No rebumbio dos discursos e as demagoxias apocalípticas convén non deixar á marxe a cuestión social, que ao cabo acaba sendo decisiva.

Dende a crise do 2008 para acó a sociedade española e galega (tamén a europea, mesmo a occidental) vén padecendo serias dificultades, estreitezas e angosturas que de seguro cada cidadán pode exemplificar na propia casa. Despois da xigantesca estafa capitalista, estafa especulativa, non a sei cualificar doutra maneira, os dirixentes mundiais (mesmo de certa dereita liberal) falaban en Davos de refundar o capitalismo, revisalo radicalmente, conscientes da súa responsabilidade, non só en termos económicos e sociais, tamén ecolóxicos, migratorios, culturais, etcétera. Dez anos despois, esquecidas as primeiras alarmas e instalados na política das macrocifras, ninguén fala xa de autocrítica. Seica a consigna segue sendo crecer, crecer, crecer, a ver quen corre máis e enche máis axiña a bolsa. Segundo as últimas cifras dispoñibles o 25 % da poboación española (2,3 puntos máis ca en 2008) sobrevive na fronteira da pobreza. Esta é a bomba de reloxería.