Quince euros

OPINIÓN

26 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Con todo o ruído do pin parental, ou neandertal, diría eu, estes días pasou con pés de la a nova de que un comercio de Bilbao deu en cobrar quince euros por probar os traxes de noivo. Esta polémica, e arriscada decisión, agacha unha frustración do mercado tradicional que sabe perfectamente que moita xente acode ás tendas para mirar a talla de roupa que mellor lle acae e despois pedila por Internet, que seica sae máis barato. Como descarga da medida, eses quince euros descóntanos se o cliente queda co traxe. No caso contrario, vai para a tenda, que ten que sufragar os gastos duns recursos que custan cartos. Á medida non lle vexo moito percorrido, nin lle auguro imitadores, por moito que se intente disfrazar como algo simbólico que pon en valor o comercio local. O efecto, amais de ilegal, coido que é disuasorio porque, dalgún xeito, penaliza o consumo, como din as asociacións de consumidores poñendo o grito no ceo. Con todo, sen facer da excepción unha norma, o asunto é unha clara chamada de atención que nos debería facer reflexionar sobre como facemos as nosas compras. Non se trata de ir contra os tempos, nin deixar de mercar por Internet. O pequeno comercio ten a guerra perdida contra as grandes cadeas e os xigantes da venda online, que moitas veces tributan fóra de país. Pero si hai algo que unha tenda física nos pode ofrecer: a calidade dunha atención directa, o seu coñecemento e o seu tempo. Cada vez que mercamos nun comercio ao pé da casa, aínda que paguemos algo máis polo produto, non collemos o coche, creamos emprego e riqueza local, facemos que as nosas vilas latexen de vida e diversidade, e, sobre todo, poñémoslle nome a quen nos atende, aconsella e resolve as dúbidas, sen nos cobrar nada, nin tan sequera quince euros.