Ata onde poden elixir os pais o que se estuda no colexio

Juana Otero Torres FIRMA INVITADA

OPINIÓN

25 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Pode que os pais non sexan os donos dos seus fillos, pero si son os encargados de velar polo seu benestar, de preocuparse para que reciban unha correcta educación e favorecer o seu desenvolvemento integral, sendo os últimos responsables e os que responden por eles ata que estes poidan vivir a súa vida adulta.

Existen leis, acordos que os protexen, desde a declaración de Dereitos Humanos ata a nosa Constitución, na que se di que os nenos gozarán da protección prevista nos acordos internacionais que velan polos seus dereitos.

Para acompañalos en todo este proceso, as familias non están soas; ante unha enfermidade non deciden que tratamento deben subministrarlles, para iso está o sistema sanitario no que depositan a súa confianza. Así, o sistema educativo é o que as apoia e axuda para que os seus fillos reciban unha formación integral e de calidade, a Constitución é o garante de que os pais poidan elixir o tipo de educación que queren para os seus fillos con base nas súas conviccións. De aí a liberdade de ensino e de elección de centro por parte dos seus proxenitores.

Unha vez que aceptan o proxecto educativo dun colexio, saben que desde a titularidade, pasando pola dirección, o profesorado, o Consello escolar, a Ampa, ata a administración educativa, velarán por que se transmitan os coñecementos adecuados para cada idade, marcados no currículo, se adquiran as competencias necesarias para formarse como persoa e se eduque nos valores sustentados polo ideario.

Polo tanto, o mesmo que eu confío na medicina que un médico lle receita ao meu fillo e non o discuto, terei que confiar tamén na educación que recibe o meu fillo no colexio que eu elixín, sen esquecer que tanto familia como escola teñen un cometido específico. A educación dos hábitos e a educación dos valores é un cometido propio da familia, primeira educadora. A escola está chamada a acompañar e a complementar a formación dos nenos, pero non a suplir o deber primordial dos pais de educar os seus fillos.